Hai quen di que as diversas formacións da extrema dereita actual non son os mesmos nazis ou fascistas dos anos vinte e trinta do pasado século. Habería unicamente algunhas similitudes ou herdanzas que, como máximo, poderían reflectirse, pero hiperbolicamente, co prefixo “neo”.

Ademais da respectable intencionalidade analítica desta consideración, non cabe dúbida de que tal afirmación está a utilizarse —tamén e a fondo— para branquear as mensaxes ultras e facelas dixeribles na opinión publicada e na pública.

Slogan en pancarta - Migrar es un derecho
© Foto: AP
Coido, no entanto, que esas similitudes ou herdanzas son esenciais e cardinais de máis para podermos pensar que estamos ante un fenómeno político radicalmente distinto.

Percíbese xa a serradura da couza ao pé de demasiados mobles institucionais

A xeito de exemplo abondaría con sinalar, máis que coincidencias, identidades como a utilización e participación no sistema democrático para embridalo e/ou destruílo desde dentro —non esquezamos que Hitler chegou ao poder nunhas eleccións democráticas—; a utilización da mentira como ferramenta e arma política que, segundo Goebbels, hai que repetila mil veces para convertela en verdade, e que hoxe branqueamos co ambiguo termo “posverdade”; o fomento do racismo, da xenofobia, da aberta ou tácita supremacía branca, do modelo patriarcal ou do nacionalismo excluínte e patrioteiro como presuntos valores cívicos; a escolla dun falso inimigo de todos, social e político que, primeiro, se deshumaniza e sataniza, de seguido, atribúenselle todos os males e crimes e que, por último, é perseguido ata a súa mesma destrución física, tal como se fixo onte cos xudeus e hoxe se intenta facer cos inmigrantes pobres; e no caso de España, a recuperación do nacional-catolicismo.

Por todo isto penso que, se non son os mesmos, son unha sorte de “metempsicose”, de traslado do espírito e dos elementos ideolóxicos e políticos esenciais dos fascismos ás extremas dereitas actuais. Unha reencarnación do nazismo e do fascismo ou do franquismo nunha larva depositada nas entrañas da democracia que a vai roendo por dentro ata reducila a serradura, igual que a couza fai coa madeira dos mobles máis nobres.

Percíbese xa a serradura da couza ao pé de demasiados mobles institucionais pero, se Trump gaña as eleccións este novembro, poderemos escoitar xa o ruído característico da couza roendo na democracia. E, neste punto, sabido é que erradicar a couza non é doado, require “esforzo, bagoas, suor” e sangue, no peor dos casos, como xa pasou.