Don Xulio, párroco de San Facundo de Ribas de Miño (Lugo) alá polos anos dourados do nacionalcatolicismo, preparaba os nenos para faceren a primeira comuñón. Procuraba que os rapaciños se achegasen ao misterio da trindade co habitual método Astete:

— A ver, Manuel, ¿son tres dioses ou un solo dios?
— Son tres dioses, si señor, pero derrétense nun —respondeu Manuel.

A aguda resposta do espelido rapaz ben puidera servirnos para explicar o proceso político que está a vivir a dereita española.

Son tres partidos distintos que “se derreten” nunha mesma dereita

Un dos efectos secundarios do 15-M e da súa cristalización política en Podemos foi, sen dúbida, a división da dereita, ao reclamo daquel voceiro dos poderes fácticos que pedía un Podemos de dereitas. Así se produce o desembarco de Cs na política estatal desde Cataluña, coa bandeira da loita anticorrupción e da rexeneración política, evidentemente imprescindible logo de se confirmar a corrupción estrutural do PP. Case que canda o desembarco de Cs, prodúcese a saída da extrema dereita das fileiras do PP coa fundación de VOX, que acusa os populares de cesión covarde ante os secesionistas cataláns e trata de abandeirar o nacionalismo españolista máis radical e o regreso a posicións do nacionalcatolicismo máis rancio.

Ao primeiro aparecen nidias tres dereitas: unha moderna, rexeneradora, de centro e homologable ás dereitas liberais europeas, que encarnaría CS; a dereita tradicional, esgotada, ineficaz e ineficiente, trufada pola corrupción pero asentada no poder, a do PP; e a extrema dereita do nacionalismo españolista, centralista, homófoba, racista e garda das esencias franquistas, que se aliñaría en Vox.

Nos últimos catro anos, as tres dereitas confróntanse e disputan un amplo espazo electoral, antes ocupado polo PP. Cs avanza, o PP perde parte do seu feudo e Vox logra impor o seu discurso aos rivais directos e consegue así irromper como chave do poder no Parlamento andaluz. O partido máis prexudicado pola influencia ideolóxica de Vox é, sen dúbida, Cs, que abandona o centro político e practicamente o seu ideario orixinario, abraza o españolismo radical e, ao cabo, decídese a pactar e branquexar a extrema dereita. A xa famosa foto de Colón dá conta deste inquietante proceso.

Hoxe, resolta a última pugna electoral, estamos xa ante a verdadeira cara dos conservadores españois. Son tres partidos distintos que “se derreten” nunha mesma dereita: a dereita trinitaria. Filla do Movemento Nacional e non homologable cos conservadores e liberais europeos.