Coido que un criterio, convicción, norma ou práctica, tácita ou explicitamente admitidas con carácter xeral pola maioría social, constitúen unha convención. E son as convencións as que determinan, en moitos casos, as nosas actuacións e decisións. Hai convencións morais, estéticas, culturais ou políticas coas que vivimos, pensamos e actuamos.
Por exemplo, paréceme que, grosso modo, a convención máis xeral sobre o mapa político do país, que se nutre das clasificacións, cualificacións ou análises políticas vertidas acotío desde tribunas, púlpitos, cátedras ou terminais mediáticas, é a seguinte: o PP é a dereita conservadora, liberal ou neoliberal; Vox e outros epígonos son a extrema dereita fascista ou neofascista; o PSOE é a esquerda socialdemócrata; Sumar, Podemos, EU, Catalunya en Comú, Compromís, etc., son as esquerdas radicais ou social-comunistas; PNV e Junts as dereitas nacionalistas e o BNG, ERC e BILDU son as esquerdas nacionalistas. Nacionalistas periféricos porque do nacionalismo español fálase menos.
Pois ben, teño para min que esta convención xeral é unha mera “realidade virtual”, é dicir, un contexto impostado e artificial, de aparencia real, que nos crea a sensación de estar mergullados nel e que distorce as nosas reflexións, valoracións e debates.
No PP son hexemónicos os herdeiros reformistas do franquismo
A realidade político-ideolóxica, porén, paréceme a min moi outra. Vox e os seus limítrofes son, efectivamente, a extrema dereita pero, aínda que nostálxicos do universo fascistoide, son máis ben neoliberais radicais que tentan reducir ao máximo o poder do Estado, limitándoo a pouco máis que á súa capacidade coercitiva para o “control das masas”, en defensa dos intereses dos poderes económicos e financeiros do gran capital. Tratan de “superar” a democracia apostando pola razón da forza, por riba da forza da razón.
No PP son hexemónicos os herdeiros reformistas do franquismo que consentiron na transición, pero que nunca renegaron con claridade da ditadura de Franco e procuran manter e promover postulados morais próximos ao nacionalcatolicismo. Navegan entre as posicións liberais e neoliberais, ao servizo dos mesmos intereses que a extrema dereita, conservando a democracia formal pero establecendo mecanismos e políticas que limiten o seu exercicio real. Tenden a embridar no seu seo as posicións democráticas conservadoras, liberais e cristián-demócratas, sendo, pola contra, moi permeábeis ás posicións das dereitas máis extremas.
O PSOE, orixinariamente socialista, evolucionou cara á socialdemocracia europea e hoxe derivou, desde esta posición que só conserva nominalmente, aos postulados dun partido democrático progresista, de corte social-liberal ou keynesiano, defensor dunha intervención moderada na economía e promotor dos dereitos humanos e do benestar social.
Os socialdemócratas actuais son en realidade, hoxe en día, a maioría das forzas que se sitúan e son situadas á esquerda do PSOE: Sumar, EU, Podemos, Catalunya en Comú, BNG, ERC, etc. É dicir, a maioría das formacións que esa “realidade virtual política” quere facernos ver como a esquerda radical ou como social-comunistas. Esta, en cambio, é a verdadeira socialdemocracia actual. Basta ver as súas propostas políticas e sociais, o seu discurso nidiamente democrático e mesmo as súas explícitas fundamentacións doutrinais.
Cremos vivir nunha época inquietante na que a mesma democracia está en perigo, e isto será así ata que colectivamente sexamos quen de rachar con esa diabólica distorsión, con esa “realidade política virtual” coa que, sen dúbida, se nos trata de confundir.