A limpeza étnica e o xenocidio sistemático perpetrados, con premeditación e aleivosía, polo Goberno de Israel contra os palestinos de Gaza e Cisxordania non serían posibles sen a cooperación necesaria e decisiva do Goberno dos EUA, a tolerancia e axuda doutros gobernos e a incapacidade da comunidade internacional para facer valer as súas propias regras.

Este crime de lesa humanidade culmina cun escandaloso escarnio: o anuncio dun proxecto deseñado por Trump e acordado con Netanyahu para desterrar o pobo palestino do seu país, someter a franxa de Gaza ao control dos EUA e, sobre as cinzas e os miles de cadáveres de Gaza, construír unha sorte de luxosa “Riviera do Oriente Medio”: un gran negocio inmobiliario que atraería turistas e residentes millonarios de todo o mundo. “Sería marabilloso”, en palabras de Trump, pronunciadas en presenza e coa anuencia xestual de Netanyahu. Cruel, infame e irritante o escarnio, pero “nada novo baixo o sol”.

A Domus Aurea de Trump é a ominosa “Riviera de Oriente Medio”.

O 18 de xullo do ano 64 d.C. foi un día caloroso en Roma. Á tardiña, declarouse un incendio nunhas tendas do populoso barrio preto do Circo Máximo. As casas, coma na maioría dos barrios populares da cidade, eran precarias construcións de madeira, de varios pisos, onde se apiñaba unha numerosa veciñanza pobre e buliciosa. O lume prendeu coma na palla, o incendio propagouse e Roma ardeu durante practicamente unha semana, porque os bombeiros da cidade foron incapaces de lle facer fronte ao lume. A catástrofe foi inmensa: arderon varios barrios, miles de cidadáns perderon as casas e os seus escasos bens e abriuse un enorme espazo urbano baleiro e cuberto de cinza e ruína.

Coma en todas as catástrofes, espalláronse tamén a desolación, o terror, a incerteza e a ira, que cristalizaron en noticias, rumores e elucubracións. Dicíase que se viran grupos de homes que impedían a loita contra o lume e incluso axudaban a estendelo, que o servizo contra incendios fora pasivo e neglixente e, así, de rumor en rumor, foise consolidando a noticia de que o incendio fora planeado polo mesmísimo emperador. Cousa que casaba perfectamente coa imaxe e a personalidade de Nerón, pois coñecido era o seu carácter depravado, cruel, atrabiliario e un tanto grotesco e exhibicionista.

A cousa foi tanto a máis que, desde a corte, houbo que buscar unha cabeza de turco que servise de chibo expiatorio ao “populacho”. E así foi como se desatou a primeira persecución imperial e oficial contra os cristiáns, un pequeno grupo aínda bastante sectario e extravagante, que comezaba a facerse notar na plural e cosmopolita armazón cívica de Roma.

Velaí a base para a grande hipérbole do relato “histórico” de mártires e persecucións que os futuros cristiáns explotarían a fondo, para acabar violentamente coa organización relixiosa politeísta, para apropiarse dos seus mitos, dos seus bens e dos seus ritos e para estender as súas doutrinas urbi et orbe.

Non se sabe con certeza se Nerón foi o autor intelectual do incendio de Roma, pero si se sabe que foi neglixente na súa extinción e, sobre todo, que o gozou, primeiro como espectáculo e, deseguido, beneficiándose del. No canto de reconstruír os miles de vivendas queimadas, o que fixo foi apropiarse do extenso espazo urbano e construír, sobre as súas cinzas, un impresionante complexo residencial para vivir nel. O novo palacio de Nerón chamouse Domus Aurea, denominación que daba conta da súa insultante e demente magnificencia. Nerón quedou ben oufano coa súa nova residencia, á que “deu a súa aprobación exclamando que por fin empezaba a vivir como un home”, segundo nos conta Suetonio no seu libro Vitae Caesarum.

Tanta foi a relevancia e notoriedade do excesivo complexo residencial que, andando o tempo, a denominación Domus Aurea foi “incautada” polos cristiáns para convertela en laudatorio e deprecatorio epíteto da Virxe María, como se pode comprobar nas ladaíñas marianas.

Hoxe, a Domus Aurea de Trump, que se construiría sobre os mortos e as cinzas de Gaza, é a ominosa “Riviera de Oriente Medio”. Hai unha diferenza: de Nerón pódese dubidar se foi artífice da catástrofe; de Donald Trump, non cabe ningunha dúbida.

Resulta sorprendente a semellanza entre a imaxe e a personalidade de Donald Trump e o personaxe de Nerón, que Peter Ustinov interpretou brillantemente na película Quo Vadis.