Nin o PSOE actual é de esquerdas, socialista ou socialdemócrata, nin Unidas Podemos é un partido de novo cuño, antisistema ou populista, da esquerda extrema. Crer tal cousa é un malentendido, inducido ou non, pero equívoco en todo caso.

Nin o PSOE é de esquerdas, nin Unidas Podemos é un partido de novo cuño

É certo que na militancia do PSOE, e máis no seu electorado, sobreviven socialistas, socialdemócratas e xentes de esquerdas de boa fe; tamén é certo que, ao longo da súa historia, o PSOE definiuse sucesivamente como marxista, socialista ou socialdemócrata até chegar a hoxe, que o partido, como organización, só podería cualificarse de socioliberal ou liberal-progresista; obxectivamente de centro, por moito que se diga de esquerdas. Ficción esta (“¡Somos la izquierda!”) que lle serviu sobre todo a Pedro Sánchez para representar o seu papel de Ave Fénix e recuperar o apoio da militancia de base e do electorado de esquerdas ou socialdemócrata. Pero hai tempo que o PSOE perdeu este carácter, cando menos desde que Zapatero —coma Tony Blair, Clinton ou Schröeder— aceptou esa terceira vía que asume as doutrinas neoliberais: recortar o gasto público, baixar impostos, colaborar na privatización do patrimonio público, debilitar o Estado e, en xeral, subordinar a política á economía: aos mercados financeiros e especuladores. Sostendo, iso si, formalmente, dereitos e liberdades e unha certa repartición social das faragullas da mesa de Epulón. Xestión vendible aos poderes fácticos como o máis civilizado método para embridar as masas desposuídas ou esfameadas. Predicar hoxe do PSOE que é de esquerdas ou socialdemócrata resulta, xa que logo, equívoco.

Tamén é certo que Podemos foi a cristalización política do 15-M e, en consecuencia, no seu tempo “constituínte” de “asaltar os ceos”, era unha formación rupturista co “réxime do 78”, defensora dos de “abaixo contra os de arriba”, populista, radicalmente crítica co neoliberalismo e combativa coa “casta”. Hoxe todo isto esmoreceu e xa non se pode predicar de Unidas Podemos. É un partido, formalmente coma os outros, integrado no sistema, reformista da Constitución pero, iso si, combativo co neoliberalismo, defensor do público, da equidade fiscal, do estado de benestar e impulsor da ampliación de liberdades e dereitos democráticos; a saber, nidiamente socialdemócrata. Falar de Podemos como dunha formación de extrema esquerda ou antisistema é tamén un equívoco.

En conclusión, un goberno PSOE-PODEMOS sería, simplemente, unha coalición de centro esquerda. Sen equívocos.

* Imaxe: LUIS GRAÑENA