No acordo para a renovación de cargos institucionais, como é o caso do Tribunal Constitucional, recorreuse a usos e procedementos utilizados ata a náusea no modelo bipartidista, que, polo que se ve, non foi erradicado de todo. Repartición de cromos entre as cúpulas do PP e do PSOE. “Sen complexos”, como diría Aznar. E velaquí o resultado: a muller do César nin é honesta nin se molestan en que o pareza. A cidadanía está sentindo ese “perfume embriagador” que emana arreo das institucións españolas, seguramente desde aquel aciago febreiro de 1981.

Empezan a repugnar estas prácticas propias do oligopolio da política que é o bipartidismo

Houbo un tempo no que se podía ser unha belísima persoa posuíndo, comprando ou vendendo escravos. A escravitude, coma tantas outras institucións e comportamentos, estaba intimamente ligada ao modo de produción; considerábase un “fenómeno natural”, ao dicir do mesmísimo Aristóteles, e, en consecuencia, non suscitaba o máis mínimo reproche ético ou moral nin, moito menos, legal. É máis, posuír escravos era un signo de distinción e relevancia social. Hoxe a escravitude non só é un delito e un “crime contra a humanidade”, senón que denigra, deshonra e envilece a quen a practica, a tolera, ou a quen se lle ocorra branqueala ou maquillala. O que non significa, velaí tes, que estea totalmente erradicada. Ende mal, a escravitude sobrevive, pero case sempre solapada, agochada ou encuberta en fórmulas aparentemente legais. Mais hoxe xa non é posible practicar ou defender “sen complexos” a escravitude porque socialmente repugna.

Así empezan xa a repugnar estas prácticas propias do oligopolio da política que é o bipartidismo: prácticas e actitudes sectarias, connotadas pola corrupción, en reincidente fraude de lei no mellor dos casos, sempre ligadas a intereses económicos ou de poder e, no fondo, refractarias á democracia. Esta repugnancia ou repudio social, ás veces tácito pero crecente, reflíctese no desprestixio masivo da política mesma. En principio, sen matices. Tanto é así que son os políticos implicados na corrupción os máis interesados en estender a especie de que “todos os políticos son iguais”, co obxectivo de xeneralizar e normalizar a corrupción na que se moven coma peixes na auga. Esta deriva levaríanos —e, en certa medida, estanos a levar— a unha sociedade encanallada, onde o abuso, a explotación, a corrupción e a violencia son o aire que se respira. É o branqueo da corrupción pola xeneralización e banalización do mal.

Canto tempo tardará en cristalizar a repugnancia social da corrupción nunha forte depuración da política pola forza da razón, que evite a razón da forza? Coido que hai présa.