Se algo evidenciou a recente campaña electoral, foi o uso descarado e mesmo insolente da mentira como instrumento de propaganda. A mentira normalizouse en todas as súas formas e variantes: a falsidade, o engano, a insidia, a media verdade ou a terxiversación, intencionada e tecnicamente calculada, evacuada dende as cúpulas e asesorías partidarias. Sen complexos nin escrúpulos, falseáronse datos e relatos nos argumentarios oficiais e oficiosos dos partidos, que divulgaron e branquearon moitos medios de comunicación, mercenarios dos poderes fácticos. Semella que aterrou aquí a mentira maquillada, que se deu en chamar masivamente “posverdade” tras a crise global do 2008, con evidentes resultados “positivos”, por exemplo, no Brexit ou nas eleccións americanas que outorgaron a vitoria a Donald Trump. Ventouno xa Josef K. nos albores do século XX: “A mentira convértese na orde universal”.
A mentira normalizouse en todas as súas formas e variantes, sen complexos nin escrúpulos
Máis aló —ou, se cadra, máis acó— de consideracións éticas que nunca deberan eludirse, a mentira ou “posverdade” converteuse nunha “arma de manipulación masiva” que a plutocracia e a cleptocracia empregan a fondo para embridar ou desviar o curso natural das democracias que, de seu, levarían a impor lexítima e pacificamente os intereses obxectivos e as aspiracións económicas, políticas, culturais, igualitarias e éticas das maiorías sociais. Porque, na medida en que a democracia se desenvolva e se estenda, a explotación dos seres humanos, o privilexio, a desigualdade, a violencia e alienación dos individuos decaerían. Velaí como a mentira ou “posverdade” devén en arma de manipulación masiva para destruír a democracia a través da corrupción da democracia mesma, mediante a alienación dos individuos e das colectividades, inducidas á confusión entre a realidade e a mera formalidade do exercicio democrático.
As pasadas eleccións xerais mostraron a eficacia desta arma de manipulación masiva, pero tamén deixaron ver que na sociedade española sobrevive unha notable capacidade de resistencia democrática. De feito, habería que estudar e coñecer polo miúdo até que punto a entrega escandalosa de Feijóo á estratexia da mentira e da “posverdade” foi un factor decisivo na creba das súas expectativas electorais.
Con todo, non debemos desdeñar nin, moito menos, botar a perder esta capacidade de resistencia á estratexia da mentira, caendo na tentación reaccionaria do sectarismo ou da quimera “do todo ou nada”. A tremenda forza da manipulación masiva segue aí e, en consecuencia, a unidade, a lucidez da nosa reflexión individual e colectiva, a vontade política de afondar na democracia son imprescindibles e perentorias para que a mentira non se “converta na orde universal”, como albiscou Josef K.