Franco, para deixar “todo atado e ben atado”, restaurou a monarquía, pero saltou a orde dinástica de sucesión para deixar ben claro quen mandaba neste país. A monarquía quedou integrada na proposta de Constitución de 1978, sen consultar previamente a cidadanía. É dicir, ou democracia outorgada coa monarquía de Franco dentro, ou non habería consenso, coa perspectiva de se perpetuar o Movemento Nacional.

Tardará algo máis ou algo menos, pero o tempo político que lle queda á monarquía en España é pouco.

O consenso sobre a Constitución coa monarquía dentro teceuse con fíos de distintas cores: a pantasma da guerra civil, o medo, o “medo que mete medo” (que diría Castelao), a amnistía de dobre fío que permitiu a impunidade dos crimes da ditadura, o instinto de supervivencia das grandes fortunas amasadas coa corrupción franquista, as aspiracións e as loitas da cidadanía pola democracia, a pluralidade ideolóxica e política da sociedade española, a pertenza cultural e política dos pobos de España a Europa, o vello tuciorismo do mal menor; e, sobre todo, o sentir maioritario de lograr unha saída pacífica á ditadura. Estes fíos máis outros coma estes foron fundamentais para a urda e a trama do tecido constitucional do 78.

Hoxe, a deterioración deste tecido é irreversible: pola maduración democrática da cidadanía, pola remuda das novas xeracións, polo desgaste da corrupción que apodrenta institucións e, de forma relevante, a Coroa; e, seguramente, pola incapacidade que o propio sistema tivo para reformarse, para remendar ou zurcir, a tempo e con axilidade, o seu tecido constitucional.

Todo indica, xa que logo, que rematou o tempo da monarquía e da Coroa en España. Tardará algo máis ou algo menos de tempo cronolóxico, pero o tempo político que lle queda é pouco. Isto implica que o país debe ir preparando e construíndo dilixentemente a alternativa: unha república plenamente democrática, tal vez federal e, sen dúbida, transversal, para acoller, harmonizar e representar o rico abano ideolóxico, político, territorial e cultural que o país ofrece.

Non se trata só de cambiar de réxime —que tamén—, senón, sobre todo, de elaborar, construír e asentar un marco republicano; un proxecto político e social imbuído dos grandes valores republicanos de hoxe. Non se trata de recuperar a República do 31, por moito que dela teñamos que aprender, senón de articular a república española do século XXI que, ademais dos tradicionais principios de protagonismo da cidadanía, democracia, garantía dos dereitos e liberdades ou respecto á legalidade, incorpore os valores do feminismo, a sostibilidade da vida humana no planeta, a igualdade e a equidade social ou o estado do benestar.

A todos os demócratas lles atangue esta perentoria necesidade e, nomeadamente, a esas agrupacións das esquerdas que, segundo din, tratan de construír unha ampla fronte transversal e transformadora. Deberían ter moi en conta que a monarquía esmorece e a república agroma.