As posibilidades que abriu a Constitución de 1978 de acadar, no curto prazo, unha democracia madura e de calidade duraron só tres anos. De feito, o golpe de Estado do 23-F foi un éxito porque impuxo a lectura máis reaccionaria da lei fundamental. Nisto consiste,
Nin pactos de goberno nin novas eleccións traerán estabilidade mentres non se acabe co réxime do 81
De aí en diante, o desenvolvemento constitucional prodúcese para consolidar un réxime de “democracia outorgada”, a través dun modelo bipartidista que garante a alternancia no poder dos dous grandes partidos. É a monarquía borbónica, que o ditador restaura saltando a lexitimidade dinástica e nomeando a Xoán Carlos como o seu «sucesor a título de rei», a que asegura a subsistencia do espírito franquista, agochado ata agora nas tripas da democracia e, nestes momentos, emerxendo nunha rutilante epifanía. Isto explica ben, por exemplo, a persistencia das fosas comúns dos asasinados pola ditadura, a impunidade dos torturadores ou o culto público que se lle rende a Franco en Cuelgamuros.
O que está en crise é xusto este réxime de 1981, cuestionado en realidade aquel 15-M de 2011 pola maior parte da cidadanía, ao non se sentir representada e verse privada de dereitos esenciais que a Constitución consagra. Neste profundo fracaso consiste a crise que produce inestabilidade política e, por iso, nin pactos de goberno nin novas eleccións traerán, de seu, estabilidade, mentres non se acabe co réxime do 81.
Unha reforma das leis fundamentais, que supoña un verdadeiro cambio do modelo ou do sistema fracasado, pode implicar un debate político e social e un proceso de reformas constitucionais que, como é natural, requiren o seu tempo. Isto non sería gran problema se non fose porque desde 2011 se perdeu demasiado tempo en manobras de resistencia á vontade popular, que ao cabo sempre son inútiles, e porque unha nova crise económica ou a recidiva da do 2008, que xa se albiscan, ferirán —aínda máis— o benestar social e a democracia mesma. A recidiva é o perigo.