Relín estes días Momentos estelares de la humanidad, de Stefan Zweig, e deume que pensar o seu relato sobre o intento e o fracaso histórico do presidente americano Woodrow Wilson, tras a Primeira Guerra Mundial.
Os intereses particulares e o sectarismo poden impedir un acordo para conformar un goberno progresista
O asinamento do armisticio o 11 de novembro de 1918 poñía fin á guerra máis cruel e cruenta que se coñecera nunca: a chamada Gran Guerra, que asolou Europa. Un clamor mundial desatouse aqueles días e cristalizou nun berro unánime ás dúas bandas do Atlántico: “Nunca máis unha guerra!”. E a grande utopía, que non quimera, de establecer mecanismos políticos que asegurasen para sempre a paz entre as nacións converteuse nunha demanda mundial que o presidente Wilson captou e asumiu publicamente. Esa postura xerou vagas de apoio ás propostas e xestións do mandatario americano, que, tan só un mes despois do armisticio, se trasladou a Europa para encabezar a negociación dun gran tratado de paz. Todo isto entre un clamoroso apoio popular, sedento de paz, sen precedentes.
A proposta de Wilson era negociar, por esta orde e con plena transparencia informativa (open diplomacy), o seguinte: un gran convenio (Convenant) para fundar a Sociedade de Nacións e, nese marco, negociar e establecer os acordos que resolvesen as demandas, indemnizacións, reparticións territoriais e demais secuelas da guerra.
A proposta de Wilson chocou cos intereses inmediatos dos aliados. O primeiro que se atacou foi a transparencia, coa coartada de acordar, antes de nada e con discreción, o procedemento. Deseguido, alterouse a orde mesma da negociación: para os aliados, encabezados polo mariscal Foch, antes ca o Gran Convenio deberían resolverse as demandas inmediatas dos vencedores e logo veríase a Convenant de Wilson. E así, polo inmediato e o conxuntural, saíron mancados o Tratado de Versalles e a mesma Sociedade de Nacións.
Sorprendentemente, o mesmo mariscal Foch, tan belixerante contra a prioridade do Gran Convenio, decatouse daquel inmenso fracaso: “Este non é un tratado de paz, senón un armisticio de vinte anos”, dixo. E cravouno: vinte anos e 64 días despois, estalou a Segunda Guerra Mundial.
Mutatis mutandis, algo similar pode suceder nas tortuosas negociacións para conformar un Goberno progresista. Os intereses particulares e mesmo o sectarismo irredento dos potenciais “aliados” poden torpedear e impedir un acordo de fondo e duradeiro que permita avances políticos e sociais, obxectivamente demandados pola cidadanía. Como podería —e penso que debería— ser un programa común para abrir, cando menos, o debate e o proceso da reforma, tan perentoria xa, da Constitución. E neste marco, pactar o programa de reformas económicas, sociais e en dereitos, así como concretar a participación dos coligados na xestión política e de goberno.
Desgraciadamente, as negociacións, polo que se foi vendo, parecen esencialmente versallescas. É a sombra negra de Versalles.