Teño a sensación de que as dereitas democráticas e antifranquistas españolas están quedando sen expresión partidaria, sen un instrumento propio de intervención política. Refírome aos herdeiros daquelas “familias” do centrodereita español que, xa no ano 1962, se reuniron no chamado “contubernio de Múnic”, xunto cos socialistas de LLopis, para retornaren España ao rego da democracia. Foron represaliados por Franco, pero moitos deles continuaron un, máis ou menos, discreto traballo político e, despois da morte do ditador, impulsaron os consensos da transición. Fixérono, sobre todo, a través da UCD, onde conviviron cos reformistas do Movemento Nacional.

A negra sombra de Aznar deixa sen luz aos demócratas antifascistas de centro e de dereita

Tras o acordo constitucional e a disolución da UCD, impuxéronse os reformistas do franquismo liderados por Manuel Fraga. Monárquicos liberais, conservadores, demócrata-cristiáns, republicanos e demais familias procuraron resistir, pero foron arrombados definitivamente cando Manuel Fraga refundou Alianza Popular no PP e entregou todo o poder do partido, “sen tutelas nin tutías”, a José María Aznar.

Conspicuo ex-falanxista, Aznar presentouse como líder do centrodereita, consciente da necesidade do caladoiro de votos do centro político para acadar e conservar o poder, pero decidido a darlles trela a nostálxicos do franquismo e a elementos de extrema dereita —que aniñaron, ao quente, no seo do PP—, así como a abrir espazos e privilexios aos negocios das grandes fortunas amasadas á sombra e coa complicidade da ditadura.

Estas políticas foron determinantes para a eclosión multiorgánica da corrupción en España e derrotaron definitivamente os conservadores, liberais, democristiáns e republicanos do centro e da dereita democrática, que só tiveron dúas opcións: saír da política activa ou someterse ao aznarismo no PP, esperando tempos mellores que non dan chegado. Só se libraron da queima as dereitas nacionalistas de Euskadi e Cataluña, que resistiron nos seus territorios.

Aznar traspasoulle o poder a Rajoy, pero desta vez exerceu —e exerce— todas as “tutelas e tutías” a través da FAES e dos seus epígonos no partido, eses do talle e catadura de Esperanza Aguirre, Pablo Casado ou Isabel Díaz Ayuso e os seus acólitos. A negra sombra de Aznar expándese no tempo e no espazo político e deixa sen aire nin luz a aqueles demócratas e antifascistas de centro e de dereitas. Non me estraña que estean pensando xa en dotarse dun instrumento político que os recupere para participaren, con pensamento de seu, na cousa pública.