Cando o Parlamento galego tiña a súa sede provisoria no pazo de Fonseca, sucedeu que un amplo grupo de manifestantes —creo lembrar que do naval de Ferrol— forzaron a entrada para presentaren a súas protestas e demandas. No forcexo coa policía chegouse a romper o cristal da porta que separaba o vestíbulo do claustro. Todo se amañou cando varios deputados saíron para escoitar e dialogar cos manifestantes, que tiveron a oportunidade de exporlles as súas demandas aos representantes públicos. Pouca dúbida pode haber de que naquel episodio se infrinxiu a lei e seguramente se cometeu algún delito. Non recordo se iso se dirimiu ou non nos tribunais, pero o que si teño claro é que hoxe, coa Lei 2/2015 na man, aquela acción podería ser cualificada de terrorismo, algo absolutamente inimaxinable entón. Entre outras cousas, porque eran os tempos duros de ETA e todo o mundo sabía moi ben o que era e o que non era o terrorismo.
A Lei 2/2015 facilita que se meta no saco do terrorismo o exercicio de dereitos fundamentais
A Lei 2/2015, que reforma o Código penal, facilita que se metan no saco do terrorismo feitos que teñen máis que ver co exercicio de dereitos ca con accións delituosas, ou mesmo infraccións da lei que nunca antes caberían nese saco. Esta perigosa perversión estase aplicando e xera gran confusión xurídica, merma das liberdades públicas, vulneración de dereitos fundamentais, dano á presunción de inocencia e prisións preventivas sine die e abusivas. Facilítase tamén que, desde determinadas posicións e desde certas tribunas mediáticas, todo se tinga de insurrección, golpismo ou rebelión, como se fixo cos secesionistas cataláns, creándose así un clima que favorece, como puidemos ver, a hipérbole nas cualificacións dos delitos por intereses partidistas inconfesabeis.
É paradoxal que esta nefasta e problemática reforma do Código penal se faga cando ETA, xa derrotada, renuncia de vez á actividade armada e está a piques de se disolver. O pretexto é agora o terrorismo xihadista pero, de feito, a lei aplícase «sen complexos» para criminalizar adversarios ideolóxicos ou políticos que nada teñen que ver co islamismo, criminalización coa que se trata de estreitar, ou mesmo pechar, calquera camiño de diálogo, de reducir o máximo posible, na democracia formal, o pluralismo, os espazos de liberdade e o exercicio dos dereitos e de franquearlle o paso á represión e á violencia do Estado, xustificando incluso os seus excesos, como xa ten pasado.
O malo é que inventar terrorismo é amentar a bicha. E amentar a bicha pode axudar a sementar violencia.