As eleccións municipais, malia seren primordialmente locais, teñen adoito unha incidencia estatal. Exemplo paradigmático disto foron as municipais do ano 1931, que trouxeron nada menos que a II República.

Unha república —aínda que distinta— volverá inexorablemente. A “monarquía parlamentaria” está amortizada e fracasada; non deu eliminado, nin sequera reducido, o peor herdo do franquismo: a corrupción. É máis, a pedra angular política que sostén as fortunas amasadas no latrocinio franquista, o seu modus operandi e a supervivencia da corrupción —hoxe incrustada en institucións fundamentais— é a Coroa.

As municipais non traerán a república, pero poden axudar a que haxa un ou outro goberno

O caso máis relevante e visible disto é, seguramente, o da xustiza. Sen a máis mínima depuración, pasou da ditadura á democracia e ata mantivo vivos instrumentos franquistas; foi o caso daquel nefasto tribunal extraordinario, o TOP, que deveu en Audiencia Nacional co pretexto de combater a ETA; falsa coartada, como demostra o feito da súa supervivencia tras a derrota e desaparición da banda armada.

É verdade que a xustiza española está xulgando e condenando un gran número de corruptos. Primeiro, porque hai moitos e, sobre todo, grazas á actuación, honesta e tecnicamente excelente, dun bo número de xuíces e xuízas. Pero tamén é certo que os casos xulgados son só a punta do iceberg e que demasiados corruptos son amparados, favorecidos ou exculpados e moitos delitos prescriben ou fanse prescribir.

Pero é obvio que, por necesario que sexa, as eleccións locais e autonómicas non van traer a república. Non está aínda na “axenda” político-reivindicativa da cidadanía. O que non lle resta evidencia ao influxo extraordinario das eleccións locais na política nacional. Repercusión querida e estimulada por todos: polo aparato político e a mesma percepción social, construída desde a trama mediática, maiormente mercenaria.

Esta repercusión nacional das municipais non traerá a república, pero si pode axudar a que haxa un ou outro goberno: un de centro esquerda (como moito, non nos enganemos), semellante á actual coalición PSOE-PODEMOS, ou un de dereita e extrema dereita, co PP e VOX. Nisto si van influír estas eleccións, queirámolo ou non.

En todo caso, a república ha chegar inexorablemente, nun “máis-cedo-ca-tarde-político”, pero, iso si, de xeito distinto. Se se parte dun goberno de centro esquerda, chegarase á república pola vía estritamente democrática. Quizais de forma lenta, custosa e dura, mais sempre pacífica. No caso dun goberno das dereitas reaccionarias, non sei eu como se chegará á república, pero moito temo que, vista a súa inexorabilidade -a da república- e a resistencia reaccionaria, tal vez custe moito “esforzo, suor, bágoas”… e posiblemente “sangue”. Pero vai ti saber se a cousa, paradoxalmente, non sería máis rápida coas dereitas ca co centro-esquerda, aínda que, iso si, traxicamente máis violenta.

En todo caso, coido que estas eleccións van alén do que poida parecer e os e as votantes deberían telo moi en conta.