A morte do Papa e a elección dun novo foi, sen dúbida, a noticia global, de carácter social e político, máis relevante dos meses de abril e maio. Nos países de tradición ou “cultura” cristiá ou católica foi excesiva e subxugante, sobre todo en España, seguramente porque aquí aínda non se disipou, nin moito menos, o ronsel do nacional-catolicismo, vizoso nos corenta anos de franquismo. Isto é así, entre outras cousas, porque a diplomacia vaticana logrou introducir na Constitución española de 1978 o anómalo artigo 16, que evita a declaración da laicidade do Estado e opta pola tan confusa aconfesionalidade, que permitiu a práctica vixencia dun anacrónico concordato coa “Santa Sé”, mantendo os privilexios da Igrexa católica. Todo isto nun país onde o número de cidadáns e cidadás que se declaran católicos practicantes (19,3 %) é xa moi inferior ao dos ateos ou agnósticos, que din “non ter crenzas relixiosas” (41,5 %).

Igrexa evoluciona na mesma dirección que os poderes político e económico

Nun dos innumerables faladoiros televisivos destes días, un participante teólogo, católico e crente confeso, entendía que a Igrexa católica, nun proceso de renovación e constante conversión ou de perenne metánoia, debería “desfacerse” do Estado do Vaticano e renunciar ao exercicio do seu poder político para dedicarse en exclusiva a “vivir a fe” e á súa misión evanxelizadora. Proposición que parece coherente coa fe e coa boa fe deste teólogo e, seguramente, coa de moitas comunidades cristiás que sofren acotío a corrupción moral da institución eclesiástica e de tantos xerarcas, arrastrados polos remuíños da cobiza e do poder.

Emporiso, non me parece que este sexa un horizonte, nin sequera un obxectivo utópico, que a xerarquía católica considerase nunca con Francisco ou vaia considerar con León XIV ou con quen veña. A poderosa e sofisticada nomenclatura católica e vaticana está instalada no exercicio dunha sorte de poder, todo o simbólico que se queira, pero dotado dunha moi notable influencia política global, que asenta na eficaz armazón diplomática dun pequeno Estado, ao que é practicamente imposible renunciar e que, por riba, presta de facto un servizo ás complexas relacións internacionais. Diriamos que a xerarquía católica está tan incrustada na armadura global do poder, que a propia Igrexa evoluciona e se desenvolve co ritmo e na mesma dirección que o fan os poderes político e económico do mundo.

Basta constatar que, ao mesmo tempo e case que ao mesmo ritmo que a hexemonía do poder político se vai desprazando cara ao leste e cara ao sur do planeta, a Igrexa católica medra e gaña adeptos na mesma dirección mentres os vai perdendo onde antes era hexemónica.

Boa mostra deste proceso é a propia España, onde estamos a comprobar a caída de fieis e a substitución de vocacións autóctonas por curas, relixiosos e relixiosas de países do chamado terceiro mundo.

Ademais de todo isto, o “servizo” fundamentalmente diplomático e mediador que o Vaticano está a prestar á comunidade internacional garante a aceptación xeral da interlocución diplomática da Igrexa católica e axuda, sen dúbida, a que persistan a influencia e o poder da súa xerarquía e da burocracia vaticana.

Porque as relixións sonvos cousa deste mundo.