Non se poderá dicir que pagou a pena pero, como “non hai mal en que non haxa ben”, cabe considerar qué oportunidades políticas pode ofrecer a realidade, por nefasta que sexa. É asunto de supervivencia.
Sen dúbida, é negativo para un goberno empezar o seu mandato arrostrando unha crise sanitaria e económica da envergadura desta pandemia. E, sobre todo, para un goberno por primeira vez de coalición e de coalición das esquerdas, con maioría parlamentaria polo gordo dun pelo e que, como tan acertadamente di o xornalista Xosé Hermida, está en permanente equilibrismo. Non equilibrio, senón equilibrismo.
É posible que esta pandemia nos aprenda que o público é cardinal
Con todo, hai derivacións positivas desta crise. En primeiro lugar, tanto o novo goberno como a oposición tiveron que revisar e acomodar á nova situación as estratexias previstas e pasar “das musas ao teatro”. Deseguido, o carácter global da pandemia fixo saltar polos aires as receitas neoliberais que, ante a crise do 2008, asumira sen pestanexar a UE, que tanto sufrimento trouxeron para as clases medias e modestas e que tanta desigualdade e pobreza xeraron. A UE renega agora da nefasta austeridade suicida e aplica políticas e libera fondos para a protección da cidadanía. Políticas e fondos que, ao coincidiren en España cun Goberno das esquerdas, permitiron medidas como a suba do salario mínimo, o establecemento do ingreso mínimo vital, a implementación dos ERTE ou axudas decisivas para tantos autónomos.
Ademais do sinalado, que non é pouco, tamén é posible que esta pandemia nos aprenda que o público é cardinal para a estabilidade social e o benestar, así como moito máis eficiente e eficaz para abordar problemas económicos e sociais, contradicindo a propaganda infame neoliberal, que enxalzaba hiperbolicamente o individual e privado e denigraba o público e comunitario para favorecer o negocio especulador. Parece que caemos na conta da importancia do Estado, ao que agora todo deus recorre porque é o único que dá respostas eficaces. Seica empezamos a valorar o sentido da fiscalidade e que non cabe rebaixar impostos a todos, senón máis ben subir uns e baixar outros, nun exercicio efectivo de xustiza fiscal.
En definitiva, esta pandemia pode acercarnos á convicción xeral da necesidade imperiosa de abordar políticas globais de fortalecemento do público e colectivo, de defensa do medio ambiente, de asunción dos coidados, de superación das desigualdades e de repulsa do patriarcado.
Aproveitar os bens que do mal veñen sempre será unha boa estratexia.