O neoliberalismo logra a súa hexemonía global cando gaña a chamada «batalla cultural», ao converter en «sentido común» os seus principios, criterios e valores.
Foi gañando terreo, por exemplo, a idea neoliberal da preeminencia do individual sobre o colectivo ou comunitario, do privado sobre o público, e asentouse o criterio das «mans libres para a propiedade privada» e da prioridade e dominio da economía sobre a política. Foise desenvolvendo a estratexia de reducir o exercicio da democracia ao mínimo, o que engordou a corrupción e fomentou o desprestixio da xestión pública. Embridáronse as democracias, reducíndoas ao meramente formal e devalou o poder político, que se limita a asuntos cada vez de menor importancia e incidencia. As grandes decisións, as de fondo, hanse tomar nos sanedríns financeiros.
O «sentido común» neoliberal entraña a negación radical do «sentido do común»
E todo isto, máis coa manipulación mediática e co control da opinión pública, instálase de tal forma na conciencia colectiva que chega a constituírse en «sentido común». Quen non lembra a Rajoy, por exemplo, invocar o «sentido común» para defender a súa política reaccionaria e neoliberal, ou os sipaios galegos falar, oufanos, de «sentidiño» para xustificaren a súa subordinación e dependencia? Mais non só Rajoy: practicamente todos os mandaríns teñen recorrido ao paradigma da sacralización do privado e á banalización do colectivo e do social como cerna do «sentido común».
Este «sentido común», que é o pai de todas as crises, é asemade o argumento das políticas aplicadas para que a crise siga sendo negocio desmesurado para uns poucos e catástrofe vital para as maiorías.
Este «sentido común», profundamente neoliberal, entraña a negación radical do «sentido do común», que é cousa ben distinta. O «sentido do común» é o sostén do social e do comunitario, a garantía dos dereitos individuais de todos os seres humanos, sen discriminación e con equidade. O «sentido do común» é o criterio racional para acadar o benestar individual e colectivo das persoas porque son seres sociais.
No sentido común neoliberal cáese cando predomina o interese propio sobre o ben común; a beneficencia paternalista sobre a solidariedade; o corporativismo partidista sobre o interese xeral; o axuste de contas, o rancor ou a vendeta persoal sobre a unidade, a cooperación política ou a «competencia virtuosa» entre demócratas, progresistas e agrupacións das esquerdas.
A este nefasto remuíño do «sentido común» semella que están sendo arrastradas as esquerdas deste país, a xulgar polo que se percibe do seu debate para construír unha alternativa electoral nos próximos comicios xerais.
É urxente e perentorio, xa que logo, que nas esquerdas e forzas progresistas se produza un radical cambio de sentido: do «sentido común» ao «sentido do común». Cando non, un perigoso e violento goberno reaccionario, do PP e VOX, será inevitable.