Din algúns analistas que o neoliberalismo está a dar as últimas boqueadas. O modelo dos Chicago Boys e Milton Friedman, o que se ensaiou á forza e con éxito no Chile de Pinochet e o que foi promovido polo tándem Thatcher-Reagan na «ancha Castilla» que quedou tras o derrubamento do réxime soviético.

Apostaron pola precariedade laboral, o empobrecemento das clases medias e a desigualdade

Poderíase situar na crise do 2008 o punto de inflexión para o devalo neoliberal. Ata Sarkozy reaccionaba daquela proclamando a necesidade de reformar o capitalismo. Pero a inercia neoliberal habería de marcar aínda a estratexia de saída da crise: receitaba a austeridade no gasto e no investimento públicos, debilitar o Estado e rescatar con cartos públicos a banca privada.

Apostaron pola precariedade laboral, polo empobrecemento das clases medias e traballadoras e polo ancheamento da fenda da desigualdade. Recuperábase así o capital á custa de xerar pobreza, unha grande inestabilidade social, un incremento da violencia en todo o mundo e unha contestación política cada vez máis poderosa.

O aumento da inseguridade, da delincuencia ou da criminalidade, que tan ruinmente se utiliza para mellor vender sistemas de seguridade, son sempre problemas de violencia política. Sono pola súa orixe e raíz e polas súas causas últimas; sono polas súas consecuencias individuais e colectivas e pola súa xestión desde os poderes públicos; e sono polos remedios que se precisan para afrontalos con eficiencia e eficacia.

Pois ben, xusto cando trataban de vendernos unha presunta saída airosa da crise do 2008, cos consabidos datos macroeconómicos maquillados, estoupa a pandemia e o conseguinte derrubamento económico, que deixou ao descuberto de vez os pés de barro do modelo neoliberal e a súa perversidade.

Agora, nesta crise sanitaria e económica, e vista a experiencia neoliberal, a reacción dos poderes públicos semella ser outra. Os estados volven verse imprescindibles e apodéranse, ráchase co criterio da austeridade e medran o investimento e o gasto públicos. É a UE quen inicia, decidida, esta nova estratexia e, liquidado Trump tamén como efecto do devalo neoliberal, os EE.UU. de Biden seguen o ronsel.

Daquela, é posible que o neoliberalismo estea morrendo; pero non será de súpeto, como vén a demostrar, por exemplo, a vitoria de Ayuso en Madrid; tampouco será pacífico o seu pasamento. As súas derradeiras rabexadas poden ser moi duras e violentas.

Como ben di Boaventura de Sousa, «o neoliberalismo non morre sen matar, pero canto máis mata, máis morre».