A miña sogra Carmiña, nada a principios do século XX nunha coñecida familia de Betanzos, transmitiulles aos seus fillos, en Lugo, un dito ou sentenza do seu acervo familiar, que se utilizaba para dar fe ou afirmar a veracidade dalgunha nova ou relato. A expresión talismán era: “Periódico de La Coruña!”. Dicía, por exemplo: “Sabes? Detiveron a Foucellas. Periódico de La Coruña!”.

A exclamación “Periódico de La Coruña!” (sic) era un rotundo criterio de autoridade e de verdade que descansaba no feito de que o afirmado procedía dun dos xornais da capital, e iso ía a misa. É dicir, o xornal da Coruña gozaba de presunción de veracidade.

Como se pode apreciar, en Betanzos, polo menos na familia de Carmiña, terían chegado á célebre e celebrada conclusión de que “o medio é a mensaxe” moito antes de que o fixese o erudito profesor canadense McLuhan. O que vén demostrar que Betanzos dos Cabaleiros se descubriu como parte da “aldea global” antes ca ninguén.

o que chega por internet cada vez goza menos da presunción de veracidade

Este descubrimento, de Carmiña e de McLuhan, explica ben a enorme forza dos medios de comunicación chamados convencionais. Por iso, polo menos de momento, aínda é algo máis crible unha nova ou relato publicado nun medio de comunicación convencional ca o que se transmite a través de internet. Entre outras cousas, porque o que di un xornal, unha emisora de radio ou un canal de televisión vén asinado e sábese quen o di, mentres que o que nos chega polas redes ninguén o asina nin o respalda. Só se transmite envolto nunha nube de insolvencia e impunidade. A proliferación de bulos e falsas novas é unha boa proba disto e fai ben a xente en defenderse desta agresión comunicativa e en tomar medidas de discernimento, que boa falta fan. O que está claro é que o que chega por internet cada vez goza menos da presunción de veracidade: a xente desconfía cada vez máis e aplícase a contrastar o que se lle conta.

Pero non nos enganemos, porque tamén os medios de comunicación convencionais están atravesando unha moi merecida crise de credibilidade. Non tanto porque publiquen falsas novas —que tamén o fan demasiadas veces—, senón porque, co tratamento da información, a escolla das novas, o xogo sucio de titulares equívocos ou insidiosos e infinidade de hábiles manipulacións, corrompen a información. Utilizando ausencias e presenzas, medias verdades e verdades a medias, informan, orientan e inflúen ao servizo de intereses determinados, de poderes que ordenan e mandan ou de poderosos que pagan ou subvencionan. Intereses non sempre rectos e confesables. E fano a propósito. Ademais, tratan de camuflar as súas servidumes baixo a aparencia de independencia ou baixo o paraugas da liberdade de prensa e doutros dereitos fundamentais, tan esgrimidos como vulnerados. É dicir, tamén nos enganan.

Na parede ou muro dunha casa, creo lembrar, próxima á estación do tren, na Coruña, sobrevive unha pintada que di: “La Voz de Galicia miente”. Vaia! Precisamente un “periódico de La Coruña”.Se a maioría dos medios de comunicación acaban corrompéndose, teremos un problema democrático e de sanidade cívica moi grave, porque podrecerían as augas das nosas fontes de información, que tanto necesitamos.

Agora ben, a tese de Carmiña e McLuhan seguirá sendo válida, porque “o medio segue a ser a mensaxe”, só que, desgraciadamente, agora a mensaxe estaría adulterada e sería maligna e infecciosa. Como o medio.

Ai, se Carmiña e McLuhan levantasen a cabeza!