Queridas amigas:

Neste ano que esmorece, os ataques dos arqueiros e corifeos do patriarcado foron especialmente violentos contra vosoutras. Confírmase así que a derradeira esperanza para a humanidade sodes vós, as fillas de Lisístrata.

Véxovos seguras e incluso optimistas, malia todo. É a vosa quenda. O patriarcado fracasou rotundamente, esgotou o repertorio, frustrouse a súa utopía, alienada pola quimera, e caeu na depresión. En cambio, a vosa loita, con ser milenaria, ten por diante a frescura verde dun futuro luminoso.

foto do Festival Internacional de Teatro de Alicante

Foto do Festival Internacional de Teatro de Alicante

Milenaria. Hai máis de 2.435 anos que Aristófanes estreou en Atenas a súa Lisístrata eterna. Os atenienses buscaban na guerra do Peloponeso a gloria, o poder e a riqueza. Vosoutras, conscientes da estupidez masculina, recuperastes a paz cunha folga de amor.

Tomastes a Acrópole, apoderástesvos da riqueza do Estado para que os cartos do pobo no puidesen empregarse con fins militares; rexeitastes a retórica dos anciáns, sofistas e demagogos; non cedestes ante as ameazas dos arqueiros. Aos homes “inflamóuselles a ingua” e non tiveron máis remedio que ceder á vosa presión pacifista.

Aristófanes, coma todos os xenios do humor, soubo dar onde máis doe e descubrir precozmente a inmensa forza transformadora que a muller acumula e que resulta decisiva cando dá rachado a súa secular subordinación.

A vosa revolución é permanente, é diaria

Hoxe, queridas amigas, o mundo é coma o Peloponeso en guerra. En guerra e en crise, que vén sendo o mesmo. Por iso o chamamento de Lisístrata conserva toda a súa vixencia. Chámavos a xuramentarvos, a tomardes a Acrópole, a non cederdes ata que aos homes se nos “inflame a ingua”, que é onde, con afiado humor, Aristófanes sitúa o noso cerebro.

Á vista da actual loita feminista, parece que as mulleres resistides ben fronte aos arqueiros, mais teño a impresión de que vos está a custar máis impedir que callen os argumentos demagóxicos do coro dos anciáns que, con argucias sofistas, tentan integrarvos no vello e caduco discurso patriarcal. Estades tomando sistematicamente a Acrópole e, cada día, controlades máis e mellor numerosos resortes do poder e do coñecemento, pero porfían en frearvos con teitos de cristal e, o que resulta máis perigoso, algunha de vós pode sucumbir á retórica tradicional e masculina do poder e chegar a comportarse “coma un home”.

En todo caso, a vosa loita é a única esperanza de todos, de todas, porque as vellas utopías van quedando raquíticas e as transformacións que a humanidade precisa superaron xa las posibilidades patriarcais.

A vosa revolución non ten data fixa, nin é un acto supremo, nin ten un Pazo de Inverno nin unha Bastilla que tomar. A vosa revolución é permanente, é diaria; avanza tomando casa por casa, familia por familia, ser humano por ser humano. Non está exenta de violencia, pero nesta revolución a violencia non está nunca na vosa parte. A violencia que se produce é a contrarrevolucionaria: a violencia de xénero, que é sempre política.

O voso meirande perigo no son os arqueiros. Son os corifeos que tratan de enganarvos para que rachedes a vosa conxura con Lisístrata e, ao cabo, perdades as posicións que con tanto esforzo acadastes na Acrópole.

Oxalá neste 2026 que agroma sexades quen de tinguir coa cor morada as conciencias, as rúas e as acrópoles; e non esquezades que o humor, como ben mostrou Aristófanes, é tamén unha excelente ferramenta revolucionaria.