Este ano 2024 non precisaría ser bisesto para resultar inquietante
Adoitamos revestir todo o excepcional e inusitado cun aquel máxico, misterioso ou taumatúrxico; tamén os anos bisestos. Así, un ano bisesto é un ano da sorte. Da boa ou da mala sorte e, polo mesmo, sempre inquietante: “Que pasará, que misterios acubillará…”? Propíciase entón o aquelarre —tamén mediático— dos agoiros, dos prognósticos e dos vaticinios.
Este ano 2024 non precisaría ser bisesto para resultar inquietante, porque xa nos perturba e incluso alarma ventarmos cara a onde imos ou podemos chegar, sabendo de onde vimos: un 2023 especialmente convulso.
Sen esvaerse aínda o ronsel da pandemia que deixou millóns de mortos e co panorama global de máis de cincuenta conflitos bélicos activos en todo o mundo, a guerra de Ucraína parece cronificarse en Europa e a barbarie e o xenocidio do pobo palestino estalan no Oriente Medio. Asemade, os efectos da deterioración do medio natural presenta xa síntomas ben tanxibles de que está en risco a propia supervivencia da especie: secas, inundacións, subida da temperatura dos mares e anormais mudanzas climáticas dan conta disto.
Por outra parte, a crecente superpoboación mundial, a profunda e criminal desigualdade no uso e gozo dos recursos comportan movementos migratorios masivos e imparables, que son recibidos nos países desenvolvidos con medidas represivas, de insolidariedade criminosa moitas veces. Ao tempo, uns poucos amasan descomunais fortunas, controlan e dirixen unha rede financeira global que condiciona, limita ou domina, cando non destrúe, as vías políticas democráticas dos países que, con grande esforzo e risco, tentan repartir os bens e os poderes.
Para defender estes privilexios impúlsanse movementos, asociacións e partidos políticos de corte reaccionario e extremista que, coa manipulación da información, o uso espurio de crenzas e ideoloxías, o odio e a violencia política, envilecen a vida social, apuntalan a corrupción, blindan os poderosos e non dubidan en promover o enfrontamento de pobres contra pobres, esgrimindo bandeiras, consignas e falsos valores que, moitas veces, arremedan e deturpan principios e aspiracións das persoas, colectivos e organizacións que loitan por fornecer a dignidade, a xustiza, a igualdade e a solidariedade.
Non cabe dúbida de que a confrontación política —máis ca debate— na España de 2023 presenta estas nefastas características e parece natural, madía leva, sentirmos moita preocupación polo que nos pode traer este 2024, bisesto e inquietante. Sabían vostedes que, por riba, o presidente Sánchez cumpre anos precisamente o 29 de febreiro?
En todo caso, o mellor será que, amais de preocuparnos, nos ocupemos en traballar arreo para espantar os peores agoiros, que non son tanto cousa do bisesto, senón do “medo que mete medo” ou da nosa desidia política. Desleixo que non podemos permitirnos porque nos vai a vida niso.