O cardeal Osorio, no Encontro Internacional de Líderes Católicos, botaba de menos a participación dos católicos na política: “En España non hai unha política católica, nin sequera partidos católicos”. Deixouse claro no Encontro a necesidade de facer “política católica” porque “en política non hai cadeiras baleiras: a que non ocupe un, ha ocupala outro”.
Condenados están os cristiáns a escoller, porque política hana facer
Nas mesmas datas, os teólogos da Asociación Xoán XXIII, no seu 40 Congreso, lanzaban o lema: “O neoliberalismo mata. Non podedes servir a Deus e aos cartos”. Concluíron que o neoliberalismo impón “a necrocultura, a necroeconomía e a necropolítica, que deciden quen debe vivir e quen pode morrer”. O neoliberalismo, pois, é incompatible coa fe e debe ser combatido.
“Nada novo baixo do sol”, como o di o Eclesiastés.
Xa no 2007, o Vaticano emitía dous documentos: a exhortación papal “Sacramentum Caritatis” e o “Expediente Admonitorio” ao teólogo da liberación, Jon Sobrino.
No primeiro documento, Bieito XVI chamaba á mobilización política dos católicos para establecer na sociedade civil os principios éticos católicos, sobre todo no relativo ao matrimonio, o ensino, o aborto etc. Só os principios morais que defende a Igrexa teñen valor esencial, han prevalecer sobre calquera outra posición ética e deben ser implantados no dereito común civil. Os valores que a sociedade vai elaborando e cambiando ao ritmo da cultura, do desenvolvemento e da civilización son, para o papa, puro relativismo moral que cómpre condenar, salvo cando coinciden cos principios “naturais e inmutábeis” que a xerarquía católica recoñece como tales.
Pola súa parte, Jon Sobrino, obxecto da recriminación e do reproche papal, tamén chamaba á implicación dos católicos na loita política, pero con obxectivos ben distintos. Jon non pretendía impor os principios morais do papa, nin promover a influencia do Vaticano. Jon chamaba a combater a carón dos pobres da terra polos seus dereitos e intereses e a que os cristiáns reinterpretasen e vivisen a súa fe dende unha praxe política comprometida coa liberación dos pobres e contra os privilexios dos poderosos.
Mentres Bieito XVI predicaba encabezar unha cruzada, Jon Sobrino propuña sumarse a unha revolución. Algo semellante ao que hoxe sucede co cardeal Osorio e os Líderes Católicos, por unha banda, e os teólogos da Asociación Xoán XXIII e os chamados cristiáns de base, por outra.
Condenados están os cristiáns a escoller, porque política, o que se di política, hana facer en todo caso, aínda que sexa por omisión.