A lectura, interpretación e aplicación ultraliberal da Constitución española, que se impuxo após o 23F de 1981, conduce fatalmente, primeiro, á irrelevancia da carta magna e, deseguido, á súa abolición. De momento estamos na etapa da irrelevancia, como se demostra cada 6 de decembro. O groso da sociedade española vén estando ausente desta celebración, pero na última, mesmo unha boa parte, se non a maioría, dos deputados e deputadas pasaron da súa conmemoración.
Son as dereitas extremas deste país as que traballan na desvalorización e desprestixio da Constitución
Aquel consenso, merecidamente gabado, que evitou en parte a violencia na transición —porque violencia houbo— non deu erradicado das entrañas do novo réxime o xene franquista. Xene que facilitou o esquecemento sistemático dos contidos e dereitos máis sociais e solidarios da Constitución e alentou a súa lectura e aplicación máis reaccionaria e neoliberal. Así, agochada no bandullo do PP, foi posible a supervivencia do neofranquismo e da extrema dereita e a súa posterior eclosión. De aí vén, así mesmo, ese sentido patrimonial que as dereitas extremas españolas exhiben cando, de modo enfático e compulsivo, din defender a Constitución. Mais o que fan é sacralizar a interpretación máis reaccionaria da carta magna.
Isto explica a desafección crecente da cidadanía fronte ao texto constitucional que, en realidade, para pouco lles serve. Como tamén explica que os demócratas deste país sexan quen coidan necesaria a reforma da Constitución para lograr a súa supervivencia, a súa completa virtualidade e a imprescindible destrución do seu xene franquista que, evidentemente, aniña no mesmo vértice do sistema: a coroa.
Son as dereitas extremas deste país as que, reclamándose hoxe «únicos constitucionalistas», traballan na desvalorización e desprestixio da Constitución por inservible para as maiorías sociais, o que, no caso de accederen ao poder, serviríalles mesmo para derrogala desde o primeiro minuto.
Pola contra, os alcumados de «anticonstitucionalistas» son os que obxectivamente tratan de garantir a supervivencia da lei fundamental, adaptándoa ás necesidades das novas xeracións, facéndoa socialmente útil, necesaria e, polo mesmo, prestixiada; procurando a súa completa lectura e aplicación e liberándoa do xene franquista, que a corrompe e empurra irremediablemente á morte.
Velaí por que nos está resultando tan confuso o debate sobre a reforma da Constitución en España. Confusión diabólica promovida e alentada pola maior parte da armazón mediática española, que non dubida en comprar a mercadoría podre que cultivan e ofrecen as dereitas extremas e tratar de vendérnola.