No intre de escribir estas liñas non se celebraron aínda as eleccións nos EUA. O mundo está expectante: Donald Trump ou Kamala Harris. Especialmente tenso está o chamado mundo occidental. E madía leva, están en cuestión os máis elementais dereitos humanos e a mesma democracia formal.

Como primeira consecuencia, se gaña Trump, producirase o seu recoñecemento como presidente dos EUA, na lóxica democrática vixente.

Infografía Donald Trump ou Kamala Harris
© Foto: BBC News
De gañar Kamala Harris, a súa vitoria non sería recoñecida por Donald Trump, como xa fixo con Joe Biden, asalto ao Capitolio incluído. Esta é a liña habitual da extrema dereita e das formacións de dereita “fascio-contaminadas”; tal é o caso do PP, que nega por sistema a lexitimidade de calquera goberno que el non encabece. Este vén ser o preludio para demoler a democracia.

A vitoria de Kamala Harris sería un mal menor ao que agarrarse

Se gaña Trump, a onda neofascista crecente verase fortalecida en todo o mundo e abrirase a vía da súa articulación formal nunha sorte de “Internacional” neofascista ou da dereita extrema que afectará moi especialmente a Europa, onde rexen xa alianzas negras, acordos e encontros ameazantes que cobran forza e están a contaminar moitas formacións da dereita conservadora ou liberal en demasiados países. Un exemplo paradigmático é a deriva tomada polo PP en España. Será moi relevante o durísimo golpe que sufrirá todo o traballo desenvolvido a prol dos dereitos das mulleres e a loita pola súa emancipación do xugo patriarcal. Neste sentido, é significativo que esta confrontación, tan determinante, se produza xusto entre unha muller e un home.

A vitoria de Harris vivirase como un respiro de alivio, pero só significará un pequeno dique de contención que evitará, de momento, a ameazante inundación do extremismo dereitista. E aínda que non arredará de vez o perigo extremista, si podería facilitar a consolidación e ampliación do dique de contención, e poderíanse implementar políticas e abrir procesos de rexeneración e afondamento democráticos, única vía eficaz para esconxurar a pandemia neofascista. A vitoria de K. Harris terá un evidente arrecendo feminista, entre outras cousas, porque só será posible pola implicación determinante e decisiva das mulleres no seu triunfo.

Moitas máis consecuencias negativas carrexaría a vitoria de Trump, pero cómpre sinalar, entre todas, a expansión e incremento da violencia política e da confrontación bélica, que atormentan a todo o mundo e que sofren máis directamente e con brutal crueldade os civís, sobre todo mulleres e nenos, das clases populares, medias e máis desfavorecidas.

De gañar K. Harris, o actual clima bélico, ende mal, mudaría pouco a curto prazo, dada a fortaleza e densidade da rede de intereses criminais que o propician; pero poderíase evitar unha confrontación global de nefastas consecuencias.

A única certeza esperanzadora, se gaña Trump, é que o seu triunfo sería irremediablemente efémero, dada a incapacidade técnica, política, cultural e moral das súas políticas para abordar, e menos resolver, os problemas cardinais da sociedade e da vida das persoas. Problemas que afectan xa a propia supervivencia da especie humana. Lembremos o sucedido, no seu día, co nacional-socialismo: pretendían abrir unha época de mil anos e non durou nin quince. Iso si, a súa caída implicaría demasiado “sangue, esforzo, suor e bágoas”.

A vitoria de Kamala Harris sería un mal menor ao que agarrarse —resucitando o vello “tuciorismo”—, que non nos evitará percorrer o duro camiño da loita polas liberdades, a igualdade, a xustiza e a dignidade do ser humano. Isto con K. Harris sería unha utopía, con D. Trump é unha quimera.