A tentativa de golpe de Estado do 23F de 1981 non acadou os obxectivos que, segundo manifestaron, perseguían os seus autores materiais. Mais seguramente moitos dos seus instigadores, cómplices ocultos ou autores intelectuais si lograron os seus propósitos: impedir a ruptura real co franquismo e impulsar unha lectura parcial e torcida da Constitución para desenvolver unha especie de democracia de baixa intensidade que coase en Europa e, asemade, preservase esencias e privilexios da ditadura. Isto explica, por exemplo, a perdurabilidade do Val dos Caídos, o culto de hiperdulía ao ditador, a permanencia das fosas comúns da ignominia nas cunetas, a continuidade activa das grandes fortunas, dos negocios iniciados e labrados coa corrupción da ditadura ou a supervivencia de usos, costumes e concordatos propios do nacionalcatolicismo.
Este é o momento de recuperar o relato fidedigno do que foi a nosa “longa noite de pedra”
Velaí o que, no fondo e tacitamente, se fraguou naquela reunión dos líderes parlamentarios co rei, tras a liberación dos deputados secuestrados no Congreso. Alí asegurouse o modelo bipartidista que fincaría durante máis de tres décadas a herdanza de Franco, a monarquía por este outorgada e a opción pola reforma política fronte á ruptura coa ditadura. Neste sentido, o golpe do 23F foi un éxito político das dereitas e da socialdemocracia daquela, coa escusa de embridar a extrema dereita que rematou aniñando, morna, no PP.
A partir do 15M de 2011, a cidadanía española rexeita ou supera o modelo bipartidista, principal instrumento do statu quo, e xorde o novo modelo pluripartidista, máis representativo da realidade española que, ademais, fixo saír do armario e someterse ao debate político aberto a ultradereita acazapada. Este feito, de principio, alarmou o seu, pero permitiu medir, nas recentes eleccións xerais, o verdadeiro alcance da ultradereita no país e en que grao a rexeita a sociedade española. Estas eleccións xerais, sobre doutros notábeis efectos, resultaron ser unha auténtica vacina contra o medo mórbido á ultradereita, aos fascismos e á involución. Medo que se cultivou arreo desde as posicións bipartidistas para xustificar políticas reaccionarias, para refrear a contestación cidadá e evitar a ruptura clara e aberta coa ditadura. Este é, xa que logo, o momento de acabar con todas as pantasmas do noso truculento pasado e de recuperar o relato fidedigno do que realmente foi a nosa “longa noite de pedra”. O momento da dignidade porque é de lei e porque agora si se pode. Xa non hai escusa ningunha.