A concepción neoliberal do Estado como o conxunto de estruturas públicas mínimas necesarias ao servizo da economía privada, que é a chamada a producir mellor e máis eficazmente os bens e servizos necesarios, estase mostrando fallida na resolución dos problemas que acosan a humanidade e a propia especie. O neoliberalismo fracasa porque, lonxe de reducir a fenda de desigualdade económica, social e de xénero, afonda nela e faina medrar ata extremos inasumibles desde o punto de vista ético ou humano. Ese proceso crecente está resultando incompatible cunha mínima e imprescindible estabilidade social e incluso coa viabilidade económica do propio modelo. Velaquí a crise profunda do sistema, que veñen anunciando tantos proféticos analistas desde hai ben tempo. Fracasa tamén o modelo neoliberal pola súa incapacidade pasada e presente de dar resposta adecuada á maior ameaza que nos afecta como especie: o perigo, certo e próximo, de extinción do xénero humano no planeta. É dicir, que estamos chegando ao punto no que a continuidade da vida na Terra será incompatible coa nosa especie e, polo tanto, aparece no horizonte a súa inviabilidade. Este problema, lonxe de atallalo, o modelo neoliberal o que fai é agravalo.
Con todos os erros, os Estados son os únicos que están sendo capaces de afrontar esta pandemia
De feito, na crise do coronavirus ambos os fracasos do neoliberalismo aparecen intimamente ligados, pois esta pandemia ten a súa orixe, está claro, na sobreexplotación económica salvaxe dos recursos naturais, coa conseguinte ruptura do equilibrio e das fronteiras naturais entre as especies. E aquí reaparece a utilidade dos Estados. Os únicos, con todos os erros, carencias e dificultades, que están sendo capaces de afrontar o problema global e transversal desta pandemia en todo o mundo. E fano a pesar da súa debilidade crecente, causada polas estratexias neoliberais desenvolvidas globalmente, con especial virulencia, desde os anos oitenta do pasado século.
As grandes empresas, oligopolios e corporacións, industriais ou financeiras, que se foron facendo con gran parte do poder fáctico global a base de minguar a influencia e o poder dos Estados, fracasan na abordaxe e resolución dos nosos problemas cardinais. Porque eles miran por eles, os problemas son nosos e o Estado somos nós. Esta é seguramente a fundamental lección que esta crise nos deixa. Agora queda por ver se damos aprendido e somos capaces de recuperar a forza e o poder do Estado, que somos nós, e a preeminencia do público que, con toda evidencia, é o noso.