Disque a Fraga lle cabía o Estado na cabeza, pero a Núñez Feijóo quédalle moi grande. O Estado, non a cabeza. En cambio, a Galicia que deseñou o de Vilalba acaíalle ao dos Peares coma un guante.

A Feijóo os traxes de “xefe da oposición” ou de “home de Estado” quédanlle grandes, ao ancho e ao longo.

Galicia foi zona de confort para Feijóo: cun partido de pequenas baronías caciquís embridadas, eficaces na captación do voto clientelar, pero amansadas pola fusta orzamentaria da Xunta; cunha oposición morna, ás veces dependente e sempre fragmentada; cunha rede mediática hipertrofiada que, en boa parte, vive das subvencións, traballa por encarga e cultiva arreo a apoloxía de quen paga, e cunha sociedade civil ás veces viva e activa, mais, polo xeral, adurmiñada cos sedantes administrados, por vía mediática, desde os centros de poder e de influencia.

“Perpetrado” o salto a Madrid e tras os primeiros días de “viño e rosas”, estase a producir a epifanía española de Feijóo. E vaise vendo que os traxes de “xefe da oposición” ou de “home de Estado” quédanlle grandes, ao ancho e ao longo.

Á hora de marcar o paso do partido, don Alberto amósase ambiguo e aborda os problemas e dilemas que se lle presentan cun laissez faire, laissez passer sempre perigoso en política. Iso é o que fixo coa formación de Goberno en Castela e León: tragou o pacto do seu partido con Vox, pero evitou ir á toma de posesión de Fernández Mañueco, para non se retratar cos posfascistas.

A súa decisión de apoiar a Ayuso, sospeitosa de corrupción, fronte a Casado, que ía de inquisidor, foi, sobre todo, un mal agoiro de como Feijóo trataría o problema da corrupción entre os cadros do seu partido. Aquí o obxectivo é pórse ao fresco e derreter e diluír a realidade, por evidente e densa que sexa. Os estafadores de cartos públicos, aproveitándose da desgraza pública e da morte en tempos de pandemia, son só pillabáns para Feijóo. As súas declaracións e valoracións son tan esclarecedoras coma perversas. Da última sentenza da Gürtel, que condena o PP como partícipe a título lucrativo, Feijóo dixo: “No la leí [a sentenza] ni me preocupa”; e engade que o que debe facer agora o PP é “asumir las cosas que se hicieron mal con deportividad (sic) y pedir disculpas”. El considérase exento de toda responsabilidade porque son cousas do pasado “y yo hace veinte años me estaba afiliando”. E conclúe que do pasado do PP “no se reniega, se aprende”. O malo está, precisamente, no que se aprende dun pasado corrompido, do que non se renega.

Feijóo anda trosma e inseguro, e nótase moito. Tanto que, nervioso, cae en trabalinguas cagadiños aos de Rajoy e comete demasiadas torpezas de principiante nas súas declaracións públicas. As lendas e mitos —argallados en Galicia— sobre as súas presuntas virtudes estanse a derreter no clima duro de Castela: nin bo xestor, nin preparado, nin alá moi listo, nin moderado.

Feijóo terá unha única oportunidade de chegar á Moncloa: as eleccións xerais do ano que vén. E mira ti, as súas posibilidades están en relación inversa ao éxito que poida acadar o proxecto de Yolanda Díaz. Ao cabo, a cousa vaise xogar entre galegos.