Poucas dúbidas caben de que Yolanda Díaz, polo feito e polo que está a facer, é a mellor titular do Ministerio de Traballo que tivo España desde a chamada transición. E isto en circunstancias extremadamente difíciles e complexas, que van desde a emerxencia sanitaria global da pandemia ata unha guerra en Europa, pasando polas crises económicas e sociais derivadas de todo isto.
É lóxico pensar que, en realidade, só houbo un verdadeiro Ministerio de Traballo con Yolanda Díaz. Antes dela, con algunha excepción puntual, esta carteira ministerial foi unha sorte de “Axencia Gobernamental para a Contención Social”, que aseguraba a disciplina laboral imprescindible para a viabilidade do negocio. Un ministerio da patronal, vaia.
Por moito que escoite Yolanda, se non é escoitada polos caciques dos pequenos reinos de taifas das esquerdas…
Aínda tendo en conta que a reacción da UE ás crises actuais escolleu un camiño ben distinto ao elixido no 2008, o que favoreceu políticas máis razoables e solidarias, Yolanda Díaz soubo aproveitalas impulsando medidas de interese xeral e en favor das clases traballadoras e dos sectores máis vulnerables da sociedade. Moi ao contrario doutros mandaríns que muxiron a fondo a crise para faceren negocios co sufrimento, a dor e incluso a morte de concidadáns e veciños.
O acerto de Yolanda Díaz acadou o recoñecemento e valoración positiva dunha ampla maioría da sociedade. Isto situouna na encrucillada de ter que responder á demanda xeneralizada do seu liderado, para encabezar a mobilización política e electoral dun sector situado á esquerda do PSOE e que, en realidade, vai desde a socialdemocracia de verdade ás posicións que se expresaron no “movemento dos indignados” do 15-M de 2011.
A demanda e o reto que se lle presentan a Yolanda Díaz percíbense como unha perentoria necesidade para salvar, afondar e desenvolver unha democracia mancada por vicios de orixe e de exercicio; para asegurar o estado do benestar, a defensa do público e o camiño da igualdade; para depurar a corrupción do propio sistema do 78 e para derrotar o neofascismo no debate cultural e impedir a súa irrupción nas institucións. Todo isto é o que se proxecta no desexado liderado de Yolanda, pero o feito é que este liderado, hoxe por hoxe, só ten cabeza. O que debería ser o seu corpo é unha sorte de crebacabezas político e organizativo que se está mostrando moi difícil de articular nun proxecto político común. E unha cabeza sen corpo é igual de inviable ca un corpo sen cabeza.
Yolanda anuncia un período de escoita; fai ben, pero non abonda. Por moito que escoite Yolanda, se non é escoitada polos caciques dos pequenos reinos de taifas das esquerdas deste país, o perigo inmediato será a chegada da extrema dereita ao Goberno de España e o terrible mal menor sería a volta do bipartidismo que, ben sabemos, é o líquido amniótico da corrupción que provoca esa anorexia, mortal para a democracia.