E subliño o de “dereitas actuais” porque o PP de hoxe, nas mans de Feijóo, Aznar, Ayuso e os baróns autonómicos, na súa disputa con Vox por captar o voto conservador e reaccionario, optou por mergullarse na onda global da dereita extrema neofascista, ao servizo dos intereses ultras máis radicalmente neoliberais, dun cleptocapitalismo rampante. Os demócratas conservadores, liberais ou democristiáns, onte activos, foron derrotados polos herdeiros reformistas do franquismo e, hoxe, ou fican fóra do partido ou están sometidos dentro del, soñando e esperando a que, de chegar o PP ao poder, se poida embridar outra vez a dereita extrema e mesmo regresar a aquel confort do bipartidismo que tanto botan de menos. Isto os conservadores de boa fe.
Pero a esperanza destes conservadores, liberais ou democristiáns, demócratas de boa fe, non é máis ca un soño e, como dicía Segismundo, “una ilusión, una sombra, una ficción… que toda la vida es sueño y los sueños, sueños son”.
Ten razón Antón Reixa: estamos en guerra pero hai que reflexionar
Non hai máis que ver o que lle sucedeu ao propio Feijóo. Chegou a España de moderado ou ecléctico bo xestor, case que tecnócrata, e rematou comportándose coma un radical extremista, sen programa concreto nin proxecto político tanxible, deitado na hipérbole, no insulto ou na loiada, igual ca un vulgar axitador de pouco pelo. É o que ten meterse no trollo: rematas enlamado. E enlamado está o partido e estará irremediablemente o Goberno que poida presidir, porque é imposible saír das areas movedizas, se te metes nelas até o pescozo.
Feijóo e o actual PP terían que gobernar cunha nomenklatura do partido viciada e maioritariamente escorada cara á extrema dereita, cun socio de Goberno ou de investidura como Vox, con institucións públicas co ADN da ditadura e contaminadas polo virus da actual pandemia neofascista, como poden ser unha parte substancial da vixente cúpula da xudicatura, boa parte dos mandos e cadros intermedios das forzas armadas e da orde pública, unha rede mediática, extremista ou mercenaria a secas, e poderes económicos radicalmente neoliberais.
Con este panorama e contexto, non é posible a supervivencia da democracia e gaña fertilidade o terreo da autocracia, da cleptocracia e, en definitiva, da desigualdade e da violencia social e política.
Nisto porfían as dereitas do noso país; lamentablemente. Pero máis lamentable e perigoso será aínda que haxa esquerdas que, obxectivamente, faciliten este diabólico proceso. Son aquelas esquerdas “cátaras” que dan por amortizado este sistema democrático e asumen a súa propia razón de existir nunha loita contra a opresión, única ou preferentemente, nun hipotético futuro e se abrazan hoxe a un “canto peor, mellor” que adiante ese épico porvir. Paradoxalmente, son hoxe aliados obxectivos, e poida que decisivos, dos seus peores inimigos.