Aquel berro de “democracia e liberdade”, que nos tardaban pero que viamos vir, trazaba o camiño venturoso cara ao noso futuro. Seguramente por iso non dubidamos en pagar calquera prezo por conseguilo, convencidos de que a democracia formal, a liberdade e o exercicio dos nosos dereitos non poderían producir outra cousa, máis cedo ca tarde, que a vixencia dos intereses obxectivos das maiorías, da cidadanía.
A esperanza dos optimistas irredutibles é que a realidade sempre acaba por impoñerse
Pasado medio século, estamos a comprobar que os “intereses obxectivos” das maiorías sociais, da cidadanía, non están garantidos automaticamente, polo menos a curto ou medio prazo, polo mero exercicio formal da democracia. Esta comprobación coido que está a producir un desencanto e desconcerto xeral que apunta a desatar unha crise dos sistemas ou modelos democráticos actuais. Talvez sucede isto porque esquecemos ou non tratamos axeitadamente o concepto psicolóxico e sociolóxico da alienación, descrito por Marx ou Marcuse, e que se produce cando se distorsiona a propia natureza humana ata o punto de lograr que as persoas sexan alleas ao mundo real en que viven. Alienación inducida desde poderes fácticos, económicos e capitalistas que xogan con vantaxe no seo do propio sistema democrático.
Velaí a explicación do apoio —que tanto inquieta ou asombra— de amplas capas sociais a formacións políticas radicalmente contrarias ás aspiracións e aos intereses obxectivos das maiorías, da cidadanía. E por iso tantas persoas, en contra dos seus intereses individuais e colectivos, votan a Se Acabó La Fiesta, a VOX, ao PP ou, moi lamentablemente, ao esperpéntico Donald Trump.
A esperanza dos optimistas irredutibles é que a realidade sempre acaba por impoñerse, que cada vez son máis as persoas e máis amplas as capas sociais refractarias á alienación, e que esta xente é a mellor dotada para xestionar a sociedade, polo que será irreversible o fracaso e a derrota das dereitas extremas e do neoliberalismo, incapaces de dar resposta adecuada aos problemas sociais, económicos e medioambientais que ameazan a especie humana.
Para os máis realistas, compartindo esta esperanza —que é o derradeiro que se perde—, o problema está en que non se sabe se dará tempo, pois os problemas que urxe abordar son tan graves como perentorios. Estiman que, sen unha forte mobilización espelida, social, política e global, non habería remedio posible; e que, en todo caso, cómpre asumirmos que vivimos e viviremos tempos escuros, difíciles e incluso violentos, que será preciso afrontar.
En definitiva, como cantaba Paco Ibáñez:
“Nuestros cantares no pueden ser
sin pecado un adorno;
estamos tocando el fondo,
estamos tocando el fondo.”