A dereita non levanta cabeza. E se a levantar, tal como está, mala cousa porque caeriamos nas mans da extrema dereita, que envilecería a sociedade, sementaría violencia e ampararía a arbitrariedade dos poderosos.

A oposición política non a fai o PP nin Vox, faise desde os poderes económicos

A dereita fracasa no papel de oposición que lle encomendou a cidadanía nas eleccións, a saber: controlar a acción política do Goberno, impulsar medidas acordes co pensamento maioritario no seu ámbito ou cos intereses que di representar e construír unha alternativa aos gobernantes actuais asumible pola cidadanía. No canto diso, as dereitas dedícanse a esparexer boatos, difamacións, medo, agresividade…, actitudes e sentimentos dunha esterilidade evidente. Quizais quen recúa ultimamente é Cs. Semella que superou a levidade do liderado de Albert Rivera e se decatou da inutilidade do balbordo permanente e dos danos e perdas que lle carrexou deixarse levar pola estratexia de Vox. O fracaso da dereita española evidénciase na súa incapacidade para exercer unha oposición eficaz fronte a un Goberno con tantos flancos descubertos.

O primeiro goberno de coalición da democracia xa mostrou contradicións internas importantes, pero parecen superadas en boa medida pola necesidade de cerrar filas ante a desproporcionada agresividade de PP e Vox, en aberta competencia por ver quen é máis besta. É a primeira coalición de esquerdas desde a República que, ao pouco de nacer, debe afrontar a peor crise sanitaria, económica e social, seguramente, desde a guerra civil e que consegue, sen grandes conmocións sociais, confinar a toda a poboación, parar o país e minimizar en gran medida os primeiros graves efectos sociais da crise, deixando claro, urbi et orbe, que o fai sen apoio ningún da oposición, pero coa anuencia maioritaria e a disciplina colectiva da cidadanía. É un Executivo que, en condicións tan desfavorables, logra subir o salario mínimo, promover os ERTE en acordo cos axentes sociais, para evitar despedimentos masivos, ou establecer un ingreso mínimo vital; emprende a tramitación parlamentaria da lei de morte digna e aproba en Consello de Ministros a lei de protección integral á infancia. Todo isto practicamente en cen días, mentres a oposición se afana na encirrada, na utilización sistemática da mentira e do boato, no fomento da insidia e na provocación. Esterilidade innegable.

A oposición política non a fai o PP, nin sequera Vox. Faise desde os poderes económicos para que Sánchez se vaia ou cambie de aliados.