As galegas e os galegos somos todos fillos de Elba. A esta conclusión podemos chegar, con fundamento in re, grazas a un equipo interdisciplinar de investigadores e investigadoras do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña, tras un longo, rigoroso e excelente traballo científico. Por eles sabemos hoxe que os restos de ósos fosilizados atopados na Cova do Uro, situada entre O Courel e Pedrafita, pertencen a unha muller que viviu hai 9300 anos e que morreu accidentalmente ao se precipitar na cova, xunto cos tres uros que pastoreaba. Estamos ante a primeira muller galega da que temos constancia, e os investigadores asignáronlle o nome de Elba, que significa «a que vén da alta montaña». Incluso unha artista forense, utilizando os restos atopados, deu reconstruído un rostro probable ou posible de Elba que, de se cruzar hoxe connosco, ata podería pasar inadvertida. Tamén podemos ter algunhas certezas moi suxestivas á hora de integrar este achado no relato da nosa historia: Elba é o primeiro individuo feminino dese período que se descobre na península ibérica; en pleno Mesolítico dedicábase ao pastoreo, que sería unha actividade punteira no momento da transición do Paleolítico ao Neolítico; tiña entre 20 e 40 anos cando morreu, era pequeneira e constatouse que padecía estrés nutricional, dato que aos historiadores lles revela as carencias que as poboacións da contorna padecían naquel tempo. Unha muller galega, activa, traballadora, emprendedora e coas dificultades e a escaseza dunha vida difícil. Unha muller galega facilmente recoñecible.

O rescate de Elba para a historia de Galicia deberá ser acontecemento primordial

O rescate de Elba para a historia de Galicia é unha excelente noticia e deberá ser acontecemento primordial, sobre todo nun momento en que se fai imprescindible recuperar, para o coñecemento colectivo, o papel decisivo desempeñado por tantas mulleres ao longo da historia. Papel que foi tapado e esquecido polo patriarcado cunha sorte de dannatio memoriae de xénero. Ese castigo á muller, cada día que pasa, resulta máis insoportable.

Rescatar do esquecemento e do silencio as mulleres galegas que fixeron historia é, sen dúbida, unha tarefa complexa para acometer con investigacións multidisciplinares desde a ciencia, pero cada paso dado debe ser asumido e posto en valor desde a cultura e desde a política. Hoxe mesmo, se tivésemos que construír un acueduto polo que fluíse a historia de Galicia, poderiámolo asentar xa sobre tres grandes arcos, sostidos por catro grandes piares: Elba, Exeria, María Castaña e Rosalía.