A extrema dereita española, saudosa do franquismo, sobreviviu, ben en grupúsculos marxinais, ben ao quente, no niño do PP. Aquí, silandeira e larvada, pero viva e influente. Conseguiu, por exemplo, que os conservadores españois nunca romperan clara e abertamente coa ditadura franquista e que o Partido Popular acollera e mesmo utilizara unha manchea de elementos franquistas que sobreviviron e ata xestionaron parcelas de poder no nome dese partido, sobre todo en concellos e fundacións ligadas sempre á dereita.

A política morna de Mariano Rajoy chocou o ovo da serpe, que eclosionou. Vox comezou a piar en xaneiro de 2014. Bastaron só cinco anos para que a ultradereita, ata o de agora embridada e oculta, lograra entrar de seu nun parlamento democrático e cun peso decisivo para a gobernabilidade, nesta ocasión, de Andalucía.

Os ultras españois teñen unha característica de seu: son partidarios e impulsores do nacionalcatolicismo

Os pitos de Vox, aínda sen plumas, deron sobrevivido grazas ao regreso de José María Aznar á cabeceira do PP, como referencia ideolóxica e estratéxica e como patrón de Pablo Casado, o neófito e indocumentado xestor dun partido que se nega a depurarse da corrupción e dos corruptos. Os que, por certo, naceron e medraron á sombra de Aznar. Sen a axuda e sen o branqueo inestimable de Casado, Vox non sería ninguén nin tería expectativa ningunha.

A extrema dereita española é perfectamente homologable aos ultras europeos e americanos, emerxentes e vixentes, que son ultranacionalistas, homófobos, misóxinos, racistas, antimigratorios, eurófobos, autoritarios e antidemócratas, confesos ou convictos. Pero os ultras españois teñen unha característica de seu: son, ademais, partidarios e impulsores do nacionalcatolicismo, que naceu cando a xerarquía católica española, apoiada polo papa Pío XII desde Roma, decidiu sacralizar como cruzada o golpe de Estado de Franco, a subseguinte guerra civil e, na práctica, a represión salvaxe que todo isto xerou. Esta idiosincrasia da extrema dereita española faina especialmente inquietante e, como é natural, produce gran preocupación no universo cristián español, que asiste con angustia a un clamoroso silencio da xerarquía católica. Silencio máis significativo, se cabe, cando vemos con que compracencia se estableceu e con que pasividade se segue a tolerar un culto de dulía, cando menos, a un sanguento ditador nun templo católico.

Parece que vivimos a sensación xeral dun funesto déjà vu, pero, por fortuna, desta volta serán as mulleres, nomeadamente as feministas, as que evitarán a catástrofe.