Esta é a pregunta, normalmente un berro, cando entras nun lugar escuro e inquietante; ou cando estás só, en perigo ou desconcertado, e precisas de perentoria axuda para atopar unha saída, unha esperanza, unha solución. Así é o momento que vivimos, local e globalmente. Haberá alguén aí?
As mulleres foron quen de xerar un proxecto colectivo de emancipación
A fame ou a guerra, que non vimos ou enxergabamos de lonxe, esténdense imparables, condicionan as nosas vidas e presentímolas axiña na porta da casa. Os dereitos e as liberdades, que dabamos por conseguidos e asentados, son atacados e erosionados diariamente. Aquela convicción e certeza, na nosa mocidade, de que o futuro sempre sería mellor ca o dos nosos pais, xa non a teñen os nosos fillos e netos. A expectativa razoable de que a democracia, de seu, por mor do peso das maiorías sociais nas decisións políticas, só podería avanzar en liberdade, benestar, equidade e xustiza trúncase pola deturpación e corrupción do propio sistema, nas mans de poderes fácticos e tramas mafiosas que apodrentan a legalidade, recortan sistematicamente liberdades e dereitos, impiden a igualdade e desmontan e frean incluso os intentos e xestos solidarios puramente defensivos. Tanto é así que, inquietos e angustiados, cada día que pasa constatamos que en máis recantos da aldea global está a incubarse o “ovo da serpe”. Haberá alguén aí?
Hai como douscentos anos, os pobos de Europa vivían momentos duros de sobreexplotación laboral, salarios de miseria, xornadas de sol a sol, fame, traballo infantil, condicións inhumanas de vida e de saúde, conflitos e guerras salvaxes e unhas perspectivas de futuro nefastas e ominosas. A vida era un lugar escuro desde o que tamén se preguntaron: hai alguén aí?
E, afortunadamente, alguén había. Desde as entrañas dos traballadores asalariados —unha gran parte da sociedade—, agromaron iniciativas asociativas de axuda mutua, de reivindicación de melloras laborais, sociedades públicas ou secretas e clandestinas, adoito reprimidas con extrema violencia; e de seguido, sindicatos que, tras a toma de conciencia de clase, xeraron un movemento obreiro que naceu en talleres, fábricas e barrios, que traspasou fronteiras e se converteu na “pantasma que percorreu Europa”, abrindo a esperanza dunha saída da opresión e da inxustiza. Había un suxeito colectivo con vontade política, cun proxecto transformador e coa forza precisa para conseguir os cambios substanciais de equidade, liberdades, dereitos e benestar; os mesmos que hoxe vemos en perigo de perder. Era a clase obreira, o movemento obreiro e as súas organización sindicais e políticas.
E hoxe, hai alguén aí? Contamos cun suxeito político transformador equiparable que nos salve da situación? Creo que, afortunadamente, si.
Trátase da maior parte da sociedade: as mulleres. As mulleres que foron quen de xerar un proxecto colectivo de emancipación e de igualdade: o movemento feminista. O feminismo que, coas súas ondas e organizacións, plurais e diversas, posúe a vontade política transformadora do conxunto da sociedade, a forza e a capacidade de combater o patriarcado e a facultade de abordar e dar saída aos problemas fundamentais do noso tempo.
A proba irrefutable de que a muller e o feminismo son hoxe o suxeito político transformador e revolucionario faise evidente no efecto reaccionario e violento que produce nos centros escuros e nas cloacas do poder.
Haberá que traballar, loitar e sufrir pero, por fortuna para todos, hai alguén aí.