A día de hoxe, a moderación, a sensatez, o siso e o sentido do equilibrio aniñan nas esquerdas; e o extremismo, a desmesura, o radicalismo e a crispación son o millo que as dereitas teñen no seu hórreo. Iso creo, polo visto e polo que vou vendo.

Se observamos as medidas políticas, de xestión e de comunicación coa cidadanía que os gobernos das dereitas e das esquerdas aplicaron neste país ante problemas e conflitos, dos máis graves que sufrimos nos últimos vinte anos, parece que a cousa é así.

A moderación e a mesura son arestora das esquerdas; a radicalidade e o extremismo son das dereitas

As dereitas, con Mariano Rajoy á cabeza, botáronlle gasolina ao “incendio” catalán: desde o recurso contra o Estatuto de Cataluña, aprobado legal e lexitimamente por todas as institucións atinxidas, ata a utilización do 155 ao berro de “¡A por ellos!”, pasando por execrables campañas máis anticatalás ca outra cosa. Evidente radicalismo e desmesura, que veñen sendo pais da crispación e semente de arredismo.

As esquerdas, con todas as dificultades e insuficiencias que se queira, abriron un espazo ao diálogo e á negociación con Cataluña, que encarrilou un conflito político para procurar saídas pola vía política, pacífica e democrática. Claro exercicio de moderación, sensatez e intelixencia.

Diferenza semellante pódese observar nas medidas implementadas para responder ás crises económicas dos últimos quince anos, por exemplo. Ante a do 2008, as dereitas responderon cos aqueles recortes do austeridazo: rescatar os bancos con cartos públicos e embridar e reprimir a contestación cívica con instrumentos como a lei mordaza, sen ir máis alá. Mostra diáfana do extremismo neoliberal, xerador de pobreza e crispación social.

Ante a crise do 2020, ben máis grave, poliédrica e dura, coa pandemia da covid-19, a guerra de Ucraína, a erupción do Tajogaite ou a desaforada inflación, a resposta das esquerdas foi moi outra: medidas moi difíciles, como a do confinamento, executadas con firmeza pero con explicacións públicas diarias, con sensatez. Ameazas e situacións económicas e laborais gravísimas foron abordadas con medidas de protección dos postos de traballo e das propias empresas, como os ERTE ou os créditos e axudas aos servizos públicos ou a protección social. Medidas que non puideron evitar carencias e sufrimento, pero que paliaron notablemente a difícil situación de millóns de persoas, evitaron unha catástrofe social e axudan hoxe á recuperación e a enfrontar os novos problemas.

A moderación e a mesura son arestora das esquerdas; a radicalidade e o extremismo son das dereitas. O debate, a negociación, a confrontación política e programática e mesmo a convivencia e o equilibrio na discrepancia están hoxe nas esquerdas; a descualificación radical e a demonización do adversario (antipatriotas, anticonstitucionalistas, proetarras…), o disfemismo ou a hipérbole insidiosa, cando non a falsidade, crean ese espazo da crispación que as dereitas coidan o seu mellor caladoiro de votos. E poden acertar.

Teño para min que isto é o que, ao cabo, se xoga neste tan incerto ano electoral.