A crise económica do 2008 deuse por rematada co inicio da recuperación e do crecemento. Pero a crise política, social e mesmo institucional ou, se se quere, a inestabilidade, seguiu medrando por mor da resposta neoliberal que se lle deu á crise e polas nefastas secuelas que lle carreou á gran maioría da poboación.
Nun mes celebraranse todas as eleccións, nun contexto de crecemento económico morno —pero crecemento, ao cabo— e nun clima de fastío pola liorta constante e a inestabilidade política. Estas circunstancias poderían significar unha oportunidade de ouro para que, cos comicios de abril e maio, principiase un período de estabilidade, longo abondo para acometer con tempo e sosego os asuntos pendentes e perentorios da democracia española.
A inestabilidade política enraíza principalmente no esgotamento da Constitución do 78
Semella que isto non vai suceder; aínda que non se produza un bloqueo, aínda que unha alianza de partidos, das esquerdas ou das dereitas, acade maioría suficiente. E non vai suceder porque a inestabilidade enraíza principalmente no esgotamento da Constitución do 78 e disto non fala nin parece querer falar ninguén. A Constitución serviu para o que serviu outrora, mais non serve para o que debe servir hoxe: para a mellor garantía e expansión das liberdades, dos dereitos, das institucións democráticas e do benestar da cidadanía, para pór ao día o aparato Estado e para a mellor articulación territorial de España.
A forma efectiva de apoiar a Constitución e, en todo caso, o xenuino constitucionalismo democrático, é abordar en profundidade a súa reforma, cousa da que non queren oír falar os sedicentes «constitucionalistas», que son en realidade constitucionaleiros, igual ca tantos cacarexadores patriotas son patrioteiros. Sacralizan a Constitución do 78 porque o sagrado no se toca, sen se decatar, ou si, de que iso significa a súa liquidación máis cedo ca tarde.
Se nestas campañas só se fala de símbolos, touros, patrias, reconquistas; se se substitúen os debates por liortas, as definicións por insultos, as reflexións por ocorrencias e as novas realidades por vetustos mitos, a concentración de eleccións non conseguirá abrir un período de pax política que facilite o diálogo para acordos de fondo e perdurábeis.
A reforma constitucional debería ser o eixe central destes comicios e os partidos deberían explicar que reformas pretenden, cal será o seu alcance e con que alianzas van materializalas. Pero, como non vai ser así, a inestabilidade está asegurada. Gañe quen gañe e perda quen perda.