Todo indica que a convocatoria de eleccións da presidenta madrileña era algo previsto. É imposible que unha decisión así se tome só polo sucedido en Murcia, nun par de horas, de súpeto, sen telo xa argallado. O esperpento murciano só foi o casus belli, o pretexto acaído, a esperada ocasión propicia que se soubo e se puido aproveitar.
Á razón esgrimida pola señora Ayuso de evitar unha moción de censura que entregase o poder ás esquerdas en Madrid, ninguén lle deu creto porque non tiña nada de probable.
Non estamos ante unha estratexia para reconstruír un centro dereita liberal, moderado e reformista, homologable ás dereitas europeas
Os analistas consideraron, en cambio, que a presidenta madrileña e os seus asesores, nomeadamente Miguel Ángel Rodríguez e o círculo de Aznar, rumiaban a posibilidade e a comenencia de concentrar todo o poder en Madrid para iniciar a recomposición do PP e emprender a volta ao bipartidismo, visto que todas as enquisas e sondaxes lles eran favorables. Favorables, polo tecido de intereses desenvolvido polo PP en Madrid durante moitos anos e polo papel de axitación reaccionaria, sen complexos nin escrúpulos, de Isabel Díaz Ayuso.
Había présa por convocar eleccións porque a opinión favorable a Ayuso caerá en picado en canto se empecen a analizar os resultados, as estratexias e a xestión do sucedido coa pandemia en Madrid, que, no caso das residencias de maiores, mesmo podería rozar a neglixencia criminal. Urxía, polo tanto, convocar eleccións para repañar o máximo poder posible, co que se conseguirían dous obxectivos políticos e un obxectivo político persoal da señora Ayuso e da súa contorna. Os primeiros, condicionar, coa maior eficacia posible, as previsibles análises sobre a pandemia para salvar a xestión madrileña e, ao mesmo tempo, situar o PP, desde Madrid, na fura de diante das dereitas para lograr a súa reunificación e contribuír así ao regreso do modelo bipartidista, que tantos rendementos lles proporcionou ás clases dirixentes e aos poderes fácticos económicos deste país. O segundo obxectivo sería upar a Isabel Díaz Ayuso e o seu equipo á cúpula dun novo PP, que aspiraría, con máis posibilidades, a recuperar o Goberno de España.
O malo de todo isto é que non estamos ante unha estratexia para reconstruír un centro dereita liberal, moderado e reformista, homologable ás dereitas europeas, senón ante meras tácticas partidistas, sectarias e curtopracistas, teimudamente agarradas ao neoliberalismo, xa en liquidación, e comprensivas e permeables ás posicións ultras e nostálxicas do franquismo. Máis partidismo ca política.