Convocatoria, en tres meses, de practicamente todas as eleccións posibles. Só quedarían fóra as autonómicas de Galicia, Cataluña, Euskadi e Andalucía. Disque se trata de dar cabo dun longo período de incerteza e inestabilidade políticas para acadar gobernos estables, que duren os tempos previstos e permitan a normalización da xestión política.

No entanto, o máis probable é que tal obxectivo non se consiga porque o paso desde o bipartidismo a un maior pluralismo partidario resulta moi difícil nun país como o noso, que, en corenta anos, só deu mudado un réxime ditatorial de partido único por outro de dous partidos na práctica, ben que con algúns apoios de terceiras forzas, sempre minoritarias. É o denominado “bipartidismo imperfecto”. Seguramente, e en boa parte por isto, non desenvolvemos aquí unha cultura de diálogo, acordo ou pacto políticos nun escenario pluripartidista, sen maiorías absolutas, nin sequera significativas.

Sempre chegará máis lonxe e será máis determinante o mar de fondo

Todo apunta, pois, a que as campañas, xa en marcha, irán gañando en dureza, agresividade, malos modos, explotación do medo e falsificación da realidade. Xusto aquilo que vai impedir ou dificultar moito os acordos e pactos postelectorais necesarios para a pretendida normalización política. Estas campañas electorais serán como un temporal, como unha dura galerna con forte mar de vento, fornecedor de ondas violentas e convulsas marusías que poden durar pouco, o que dura a borrasca, pero teñen gran capacidade destrutora e deixan, por onde pasan, gran desolación.

Antes das eleccións, o 8 de marzo asistiremos un ano máis á mobilización xeral das mulleres, promovida polo movemento feminista, que nos conmoverá e impulsará a loitarmos pola emancipación da metade da humanidade sometida ao sistema patriarcal vixente e a facermos efectiva a igualdade real entre todos os seres humanos. Será como o mar de fondo. Ese mar tendido con ondas suaves, sen cristas agudas, nunca violento mais cargado de enerxía, de forza e, por iso mesmo, cun longo percorrido. Non esquezamos que a violencia nace da debilidade, para tapala, e non ten nin percorrido nin horizonte.

As mulleres e o seu movemento feminista deberán tamén arrostrar con tino a borrasca tormentosa, o mar de vento dos próximos comicios, porque son do seu interese e cómpre ter presente que o mar de fondo é tamén fillo do vento que, desbocado, podería mudar a boa dirección das ondas. En todo caso, sempre chegará máis lonxe e será máis determinante o mar de fondo.