Ao dicir dos expertos, o Camiño de Santiago fomentou desde a Idade media o intercambio cultural, peza importante na construción dunha conciencia colectiva europea, que chegou a concretarse nun proxecto político común do que hoxe participamos. Parece que o Camiño non perdeu esa virtualidade. O alcalde do Porto, Rui Moreira, ao valorar a colaboración con Galicia no proxecto do Xacobeo 2021, lanzou a idea de construír unha sorte de Benelux Ibérico. O «Iberolux», como el lle chamaría, concretaríase nunha estratexia común entre España e Portugal para levar adiante proxectos conxuntos, tanto na UE coma no ámbito internacional, especialmente no iberoamericano.

Unha «identidade ibérica» tería a virtualidade de superar vellos nacionalismos patrioteiros que só conducen á melancolía.

A idea de Rui Moreira pode parecer pouco substanciosa se consideramos que os acordos do Benelux (Bélxica, Holanda e Luxemburgo) eran relativos a unha estratexia de unión aduaneira, libre circulación de persoas, bens e servizos, xustiza común, tipo de cambio fixo para as tres moedas, etc. Acordos coma estes xa están vixentes e moi mellorados entre España e Portugal por formaren parte da UE. Porén, a proposta de Rui Moreira pode resultar ben frutuosa se esa estratexia luso-española se concreta en alianzas destinadas a crear un espazo económico propio, unha política común dentro da UE e con Iberoamérica e, sobre todo, a construír unha «identidade ibérica» que sirva de base e prepare unha unión política maior no futuro. Sería como empezar a camiñar no proxecto iberista que, fronte ao absolutismo, imaxinaron os liberais españois e portugueses na metade do século XIX, que defenderon moi notables personalidades dos dous países e que se viu truncado polas ditaduras de Salazar e Franco no pasado século.

Unha «identidade ibérica» traería beneficiosos intercambios e construcións culturais e políticas comúns que terían a virtualidade de superar, por elevación intelectual e madureza emocional, aqueles vellos nacionalismos patrioteiros, estreitos e reaccionarios, que só conducen á melancolía. Unha identidade e unha conciencia ibéricas son imprescindibles para ir alén e xogar con maior peso en Europa e nun mundo globalizado e, sobre todo, para que a cidadanía luso-española dea articulado a súa propia utopía, que podería ser unha esperanzadora «República Confederal Ibérica». Utopía que, por difícil que sexa, é posible e sempre necesaria. Non quimera, que, por fermosa que pareza, sería ilusoria e imposible. Desde as diversas patrias étnicas construír unha patria ética. Velaí un reto.