A Peregrinación Europea de la Juventud (PEJ) nin foi peregrinación, nin foi europea, nin foi da mocidade. Na realidade foi unha mobilización dunha “subespecie do catolicismo”, o nacional-catolicismo español, promovida pola Conferencia Episcopal Española (CEE). O de Peregrinación Europea de la Juventud pode considerarse, sendo benévolos, como un espellismo, como moito, xa que realmente foi unha fraude, dado que se presentou intencionadamente como algo que non foi nin sequera pretendía ser.
A PEJ foi un espellismo, unha fraude.
Unha peregrinación é outra cousa. É unha viaxe esforzada para vivir unha experiencia espiritual, relixiosa ou non, persoal ou comunitaria, que ten como obxectivo a transformación e maduración persoal. E disto pouco ou nada tivo a movida, que máis ben foi unha verdadeira enxurrada de masas xuvenís convenientemente adoutrinadas que seguiron, fanatizadas, a consigna dos organizadores: “Que se note que estáis aquí!”. E vaia se se notou…
Tampouco foi unha movida europea. Os cerca de 12 000 participantes eran, practicamente todos, españois e só había pequenas representacións de tres ou catro países. Isto é lóxico, dado que as subespecies adoitan estaren ligadas a un territorio e o nacional-catolicismo é netamente español, forxado nunha sanguenta cruzada con centos de miles de vítimas entre mortos, asasinados e represaliados. De aí a hiperbólica exhibición da bandeira de España, nada habitual nas peregrinacións propiamente ditas.
E, estritamente, a PEJ tampouco foi cousa da mocidade. De feito, foi organizada, dirixida e tutelada en todo momento pola xerarquía católica española, especialmente senil ela, e apoiada polo papado, que enviou un representante oficial. A mocidade foi só carne de canón ou “clase de tropa”, como diría Escrivá de Balaguer. E moito menos foi cousa “da mocidade”. Foi un grupo notable, pero, incluso cuantitativamente, pouco significativo. A mocidade española de hoxe son máis de sete millóns e medio de persoas que, cualitativamente, nada teñen que ver coa movida episcopal.
En Santiago, salvo catro que cren inxenuamente que isto é negocio, a xente sentiuse molesta e incluso agredida pola desmesura evidente da rapazada e algúns compadecíanse da manipulación vulgar dos soños e esperanzas duns mozos, para conducilos á auto-represión persoal, ao fanatismo, ao dogmatismo e á superstición. E é verdade que haberá danos a estas persoas, pero moitas delas hanse de liberar ao longo da súa vida polas vías do amor e do coñecemento. Co que, na realidade, a estratexia da xerarquía nacional-católica fracasará, como fracasa cada día na conciencia da inmensa maioría dos españois. E iso a pesar do desproporcionado poder que se lle tolera á xerarquía católica española, que tan arduamente, en alianza coas forzas máis reaccionarias do país, fomenta a debilidade dunha democracia anémica para aproveitarse dela.
A depuración dos seus anacrónicos privilexios e o tratamento democrático adecuado á Igrexa segue sendo unha materia pendente da democracia española.