O dato máis importante destas eleccións europeas, ao meu xuízo, é o avance da extrema dereita en Europa, que xa toca poder en demasiados países e ameaza seriamente con facelo na propia UE.

Hai que salientar que, con todas as carencias, problemas, pasos atrás e contradicións que se queiran, a UE é hoxe a rexión do mundo onde se acadaron os niveis máis altos de benestar social e de servizos públicos, de exercicio dos dereitos individuais, de desenvolvemento democrático e de avances na igualdade. Sen esquecer, como ben detecta Amin Maalouf, que estamos ante un primeiro e gran proxecto político-institucional, unificador de múltiples e diferentes estados e nacións, que se consegue, non pola vía da conquista e da violencia, senón mediante un proceso político democrático, civil e pacífico de acordos e consensos políticos, apoiados pola cidadanía. Proxecto político in fieri, que non rematou e que pretende avanzar na maduración das súas institucións e no crecemento dunha conciencia colectiva de cidadáns e cidadás europeos.

“os populares e conservadores perderon peso”

Pois ben, son as diversas —que non moi distintas— formacións partidistas da ultradereita europea as que irrompen no Parlamento da Unión co obxectivo, expreso e común, de frear este proxecto e desvirtualo desde dentro ata destruílo. Desde dentro, tal como fixeron os nazis e os fascistas coas institucións democráticas de varios estados europeos no primeiro terzo do século XX, o que provocou a gran catástrofe da segunda guerra mundial.

É verdade que as forzas, que se din europeístas, aínda resisten; naturalmente, sempre que se manteñan as actuais alianzas. Pero tamén é certo que os populares e conservadores perderon peso e, o que é máis perigoso e inquietante, branquean para asumir medidas e postulados propios da ultradereita; os socialdemócratas e os verdes recuaron notablemente e as esquerdas democráticas perden presenza e relevancia política. Con todo isto poderase resistir, pero resistir non é avanzar; e o avance, sostido e sostible, é esencial para a supervivencia efectiva da propia UE.

En España, o segundo dato en importancia, coido que moi negativo, é que as formacións da esquerda democrática perderon moito nestas eleccións. Tanto, que se achegan perigosamente á irrelevancia política. Este retroceso débese moi primordialmente ao cainismo partidista, á “enfermidade infantil” —diría Lenin— que padecen as esquerdas. O sectarismo partidista, o personalismo dos seus dirixentes e o dogmatismo doutrinario son doenzas crónicas, semella que xenéticas, que lles impiden ás formacións de esquerdas construír alianzas ou proxectos políticos comúns, que asuman e representen os intereses e obxectivos da cidadanía nos ámbitos da igualdade, da xustiza e da solidariedade.

O único positivo esperable desta situación é que sirva de acicate e revulsivo democrático para que a cidadanía e, sobre todo, as asociacións, movementos e partidos que asumen a defensa dos seus intereses reaccionen a tempo e consigan seguir avanzando na construción dunha democracia madura en Europa e nos países que a conforman. Non abonda con resistir.

Oxalá que opere este incentivo porque no ovo, que está a piques de eclosionar, xa se transparenta a serpe.