Nun prazo de trinta días, a cidadanía española acorda unha nova repartición de practicamente todo o poder político do país: o poder central do Estado, da maioría das comunidades autónomas, dos concellos e da representación na UE. Esta coincidencia deberíase aproveitar para lle dar ao conxunto destes comicios un carácter “reconstituínte”, é dicir, de reforma da Constitución, que tan perentoria é. No entanto, o clima político actual, profundamente deteriorado, polos pelos vai dar para constituír gobernos que se esgotarán en abordar asuntos de escasa relevancia, en crear problemas en lugar de resolvelos e en facer propaganda ou demagoxia, mergullados no curtopracismo.
En España, a maioría dos partidos actuais, dos seus principais dirixentes e dos medios de comunicación que os apuntalan padecen unha grave miopía política. Son curtos de vista por seren ignorantes ou non queren ver por seren mercenarios do capitalismo financeiro, que pretende unha nova forma de reprodución e de acumulación no contexto da fonda revolución tecnolóxica que xa está en marcha. Ao poder económico actual xa non lle serve o modelo democrático e do Estado social, que garantiu as liberdades, os dereitos e a arbitraxe nas relacións laborais; mais tamén a acumulación, a produción e reprodución e o consumo nos tempos do capitalismo monopolista.
Agora, os poderes económicos precisan dun sistema xurídico e político e dun Estado policial para embridar as futuras multitudes despedidas, que non poderán traballar, empobrecidas ou precarizadas, sobre todo nos tempos de transición cara ás novas formas de capitalismo que se están argallando. Así se explica a emerxencia de gobernos refractarios ás prácticas democráticas: corrompidos, ben pagados, autoritarios ou neofascistas, como os de Trump, Orbán ou Bolsonaro; de partidos de ultradereita, como Vox en España, ou corrementos cara á extrema dereita de formacións como o PP ou Cs.
Moitos dos nosos políticos e representantes non dan o talle para afrontar problemas da envergadura dun estado do benestar ferido con perigo de derrubamento, da perda de liberdades e dereitos, da deterioración da democracia, da corrupción económica e política e das transformacións tecnolóxicas, económicas e sociais que afectarán a millóns de persoas, poida que máis para mal que para ben. Non dan o talle e por iso nos ofreceron, nas súas campañas, debates anódinos e irrelevantes cos que tapan miserias e subordinacións. Iso si, uns máis ca outros.