Non sei se é así ou se así quero velo, pero teño para min que o neoliberalismo neofascista, hoxe rampante nas dereitas ultras, gaña efectivamente batallas, mais nunca gañará a guerra porque, simplemente, non ten capacidade nin posibilidade real de afrontar sequera os problemas cardinais que precisan saída ou solución para a elemental convivencia humana ou para a supervivencia mesma da especie. Durarán o que duren, mais perderán.
Arcebispo de Santiago D. Francisco José Prieto

Arcebispo de Santiago D. Francisco José Prieto

Un bo exemplo disto é a batalla política e cultural que se está a dar arredor da emigración. Parece que avanzan na súa batalla cultural e están logrando que medre a percepción da emigración, case só, como problema social, económico e político: “o problema da emigración”. Cando a emigración non é realmente un problema, senón un feito ou unha calidade constitutiva da condición humana, que responde a múltiples causas ou estímulos, como tamén o é para certos animais e vexetais que emigran inexorablemente por razóns estacionais, alimenticias ou reprodutivas.

“É inaceptable utilizar os migrantes e refuxiados como arma política”

Desde sempre os seres humanos mudan de lugar de residencia e nunca deixarán de facelo. Coma todo fenómeno natural e humano, a emigración pode traer problemas e solucións, vantaxes e inconvenientes; mais non é en si mesma un problema, senón un “fenómeno natural”. Tamén a choiva, a luz ou a propia intelixencia humana poden traer problemas, pero nunca son “o problema”. Ver a emigración só ou primordialmente como un problema é unha construción doutrinaria, destinada a servir de coartada a políticas racistas, discriminatorias e criminais.

E nesta batalla os ultras avanzan. Quizais por iso tiveron tanta repercusión mediática as palabras do arcebispo compostelán na cerimonia da ofrenda ao Apóstolo deste ano. Descoñezo as posicións persoais de D. Francisco José Prieto, pero é significativo que desde unha institución percibida como conservadora e próxima aos oferentes, representantes e presentes —Rueda e Feijóo—, non só se demandara acollida para emigrantes e refuxiados, senón tamén que se condenara con contundencia a práctica habitual das dereitas extremas, cada día máis toleradas e/ou asumidas polos oferentes: “… É inaceptable —proclamou o arcebispo— utilizar os migrantes e refuxiados como arma política… han de ser acollidos desde a legalidade e a fraternidade. E a nosa máis firme condena: nin violencia racista nin criminalización colectiva”.

Sinalo estas palabras como significativas porque coido que veñen subliñar a incapacidade das políticas ultras e neoliberais para comprender e afrontar as realidades da condición humana. As saídas e respostas a estas realidades son esixibles e esixidas mesmo por posicións e institucións conservadoras, desde a mera racionalidade e desde principios e valores éticos elementais.

Poderán as ultradereitas gañar unha ou outra batalla, mais a guerra que promoven contra a condición humana perderana irremisiblemente. O problema actual está no prezo que se ha pagar en “sangue, suor e bágoas” para garantir a racionalidade, a convivencia e a solidariedade entre os seres humanos.

Pero as posicións ultras e neoliberais non prevalecerán.