O coronavirus e o virus da Coroa deron a cara practicamente a un tempo. Coa pandemia e coa corrupción.
Dar a cara significa que o coronavirus se mostra como é: incompatible coa saúde e coa vida mesma; e o virus da Coroa tamén: incompatible coa saúde democrática e, no fondo, coa democracia mesma. Ambos os virus saltaron do mundo animal ou irracional ao xénero humano ou ao mundo da razón política. O da Coroa non se detectou antes, como tal virus, porque pasou da ditadura á democracia camuflada no paquete da Constitución de 1978, único modelo que se someteu a referendo. Había que dicir si ou non á democracia, mais coa Coroa dentro.
O coronavirus é incompatible coa saúde, o virus da Coroa é incompatible coa saúde democrática
Moitos aceptaron encantados, pero foron moitos máis os que tragaron a cousa como un mal menor, esperando que o desenvolvemento do modelo democrático illara e volvera inocuo o virus da Coroa. A idea non parecía disparatada nun clima de euforia democrática, de estrea das liberdades e de ansia por nos integrar en Europa. Ende mal, en tres anos, a situación mudou co golpe do 23-F, que serviu para consolidar a monarquía e para embridar as querenzas democráticas do persoal. E nisto don Juan Carlos desempeñou un papel decisivo. De feito, Tejero ou Armada non foron máis ca cabezas de turco ou «pagafantas», como diriamos hoxe.
A partir de 1981, o noso modelo democrático asenta na Coroa como pedra angular e isto fai que subsistan, aletargadas ou activas, secuelas herdadas do franquismo.
O ilustre constitucionalista Javier Pérez Royo di que «a Constitución é unha vasilla que está cuarteada, que ten fendas profundas, pero que ten unha tapa moi forte que fai que a vasilla se manteña en pé. Se quitas a tampa, a vasilla rompe decontado. A monarquía é a tampa do réxime do 78. Fai que o sistema político se manteña sen estalar, sen que salte polos aires. Pero, asemade, impídelle evolucionar».
A saída, por tanto, non está en someter o rei emérito á xustiza, cousa que haberá que facer. Isto só aliviará algo os síntomas da infección. Para matar os virus, a terapia debe ser máis contundente. Por iso contra o COVID-19 a linguaxe e a estratexia son bélicas. Hai que destruír o virus.
Felipe V foi o primeiro Borbón rei de España e Felipe VI debería ser o derradeiro. O derradeiro rei.