A morte de Benedicto XVI tráeme á memoria a coincidencia, no 2007, de dous documentos do Vaticano: a exhortación papal, “Sacramentum Caritatis”, e o expediente admonitorio ao teólogo da liberación, Jon Sobrino

No primeiro documento, o papa Joseph Ratzinger chama á mobilización política dos católicos para impor na sociedade civil os principios morais do catolicismo, en materias como aborto, divorcio, eutanasia ou sexualidade. O papa esixe activismo político a curas, bispos e católicos de a pé para que os seus principios se implanten como dereito común civil das sociedades e dos Estados. Son os principios morais católicos os que deben prevalecer por riba das decisións ou acordos democráticos que as sociedades tomen que, para o Vaticano, han ter sempre un carácter subalterno. Os valores éticos, que a sociedade vai elaborando e cambiando ao ritmo da civilización mesma, son para o papa puro relativismo moral que hai que condenar, se non coinciden cos principios que a Igrexa mantén. Principios que se proclaman eternos, naturais e inmutables.

Albíscase unha gran batalla sucesoria, que non debe escandalizar a ninguén

No segundo documento da “Congregación para a Doctrina da Fe” o Papa rexeita as teses de Jon Sobrino e promove a súa sanción. Sobrino nos seus escritos e prédicas tamén chama á implicación dos cristiáns na loita política, pero os obxectivos do teólogo son ben diferentes. Jon non pretende impor principios morais católicos nin trata de garantir o poder ou a influenza da xerarquía. Jon chama a combater, a carón dos pobres da terra, polos dereitos humanos e sociais, pola xustiza e polos intereses das clases traballadoras. Jon Sobrino propón que os cristiáns reinterpreten e, sobre todo, vivan a súa fe desde unha praxis política comprometida coa liberación dos pobres e contra os privilexios inxustos dos ricos e poderosos.

Parece que, mentres Joseph Ratzinger predica encabezar unha cruzada, Jon Sobrino propón sumarse a unha revolución.

É coma se non tivesen o mesmo Deus. De feito, Joseph amonesta a Jon porque este prefire un Xesús histórico e humano, con fame de xustiza, a un Cristo metafísico, con sede de poder. Nin sequera son deuses só distintos, senón que se presentan coma deuses contraditorios e antagónicos. O Deus de Jon sería o dos pobres, dos marxinados, dos invisibles e dos oprimidos. O Deus de Joseph, o dos ricos, dos poderosos, dos notables e dos opresores.

Morreu Benedicto XVI e ao papa Francisco quédalle pouco para renunciar ou para que chegue a súa morte. Albíscase, pois, unha gran batalla sucesoria, que non debe escandalizar a ninguén porque estas liortas políticas entre os deuses están na cultura, na tradición relixiosa occidental: desde a titanomaquia, na que Zeus vence e fulmina cun raio a Cronos, ata a gran batalla apocalíptica, na que Miguel, co exército de Deus, derrota ao Dragón e convérteo en Satán, o anxo caído.

Ben visto, será esta outra batalla da gran guerra que se vén librando entre dous deuses: o de Jon e de Joseph. Batalla que interesa a todos, dado o poder político e diplomático que, espuria e anacronicamente, ostenta aínda a Igrexa Católica e que implica directa e politicamente a todos os católicos e cristiáns. Porque da política ninguén pode fuxir. Nin sequera aqueles que pretendan seguir o diabólico consello cínico que din que deu Franco: “Usted, amigo mío, haga como yo: no se meta en política”.