A renuncia pública de Felipe VI, meramente simbólica, a herdar a fortuna do pai e a retirada ao rei emérito da retribución que a Casa Real lle tiña asignada son dúas decisións políticas que implican o recoñecemento oficial do reproche ético e político ás actividades do ex xefe do Estado. O reproche penal é outra cousa: será posible ou non, en todo ou en parte, pero mentres a Xustiza non se pronuncie, require a presunción de inocencia. No ámbito da ética e da política, en cambio, non cabe presunción ningunha, pois é sabido que o cargo público non só debe ser honorable, senón tamén parecelo. E a honorabilidade de Juan Carlos de Borbón está cuestionada polos feitos, por información pública solvente e veraz, polo seu propio fillo que, ademais, é xefe do Estado, e por el mesmo coa súa esperpéntica escapada.

Non hai máis saída ca unha reforma da Constitución

A Coroa, especial e compulsivamente protexida como pedra angular do réxime, entra na crise xeral do modelo nado en 1981 tras o golpe fallido de Tejero. Ninguén dubida xa de que non hai máis saída razoable ca unha reforma profunda da Constitución; pero tamén sabe todo o mundo que non se dan as condicións políticas suficientes para acometela, polo menos a curto prazo. É dicir, nun momento de fonda crise económica e social, cunha emerxencia sanitaria global inédita, entramos tamén nunha crise política que, irremediablemente, traerá grande inestabilidade se non trae perigosas convulsións sociais.

Para empezar, cómpre ter en conta que a Constitución do 78 non ten nais, só tivo pais, así que a relectura xeral do texto constitucional desde unha perspectiva de xénero é ineludible para que a muller estea presente no grao e nivel que lle corresponde á metade da cidadanía. Se a isto engadimos que a Carta Magna xa non serve para a articulación territorial e plurinacional do país, nin resolve a disxuntiva entre monarquía ou república, nin permite de facto avanzar na calidade democrática do Poder Xudicial, nin recolle e fai explícitos novos dereitos dos cidadáns que a realidade esixe, entón semella razoable considerar que pouco tempo nos queda para podermos decidir, serena e pacificamente, entre unha reforma a fondo da Constitución ou a apertura dun período constituínte para dotármonos dunha nova lei fundamental.

Os partidos principais e a maioría dos nosos prebostes políticos están paralizados, limítanse a ir tirando, procrastinando ad calendas graecas as iniciativas e medidas máis cardinais. É dicir, están a velas vir. Velaí o gran perigo