Teño para min que o feito político global máis determinante do ano 2025 foi a chegada de Donald Trump á Casa Branca, determinante na política internacional e altamente influente nas políticas rexionais e nacionais.

O statu quo democrático liberal que se vai articulando, global e rexionalmente, despois da Segunda Guerra Mundial, descansa no peso decisivo dos Estados democráticos, que arbitraban o xogo de intereses económicos, sociais e de clase nos ámbitos nacionais.

Protestas contra Donald Trump

Protestas contra Donald Trump en Estados Unidos

No ámbito internacional, o statu quo descansa na creación da Organización das Nacións Unidas (ONU), institución que, co propósito de evitar catástrofes como as das dúas grandes guerras, media nas relacións e conflitos internacionais e establece programas e organismos destinados a preservar o respecto aos dereitos humanos, a potenciar unhas relacións económicas e sociais equilibradas e a incrementar o benestar, a saúde, a educación ou a cultura dos países membros. Para iso son os programas e organismos da ONU, como a FAO, a OIT, a OMS, a UNESCO, o FMI, etc. Esta orde liberal mantén o predominio dos principios, estratexias e intereses do chamado “sistema capitalista”, pero tenta amortecer os seus excesos e efectos negativos, primordialmente en prol da perdurabilidade do propio sistema.

Pois ben, a chegada de Donald Trump, xa no seu primeiro mandato, non é outra cousa que a posta en práctica do neoliberalismo ou, por mellor dicir, do ultraliberalismo, desde a presidencia da “primeira potencia mundial”. As doutrinas que Friedman, Harberger e os Chicago Boys formularon e ensaiaron no Chile de Pinochet toman corpo e asúmense sen complexos, urbi et orbe, e co modelo máis radical.

O mandato de Trump reforzou as dereitas ultraliberais extremas

Non se trata unicamente de facer saltar polo aire o statu quo liberal, reducindo o poder de arbitraxe do Estado sobre o capital, senón que serán os capitalistas e as corporacións económicas e financeiras mesmas as que tomen o Estado e as institucións internacionais e exerzan directamente o poder político. As institucións políticas democráticas do Estado redúcense a ser mera garda pretoriana do poder económico. Por iso Trump, no seu país, despreza e pasa por riba das institucións e dos controis democráticos e trata de someter os outros poderes do Estado, camiñando abertamente cara a unha autocracia que garanta o poder político directo dos prebostes do capital e das finanzas.

No escenario internacional, desprézanse e sáltanse as institucións internacionais sen o menor reparo. Basta ver, por exemplo, quen negocia no conflito ruso-ucraíno: o investidor inmobiliario Steve Witkoff e o xenro de Trump; constatar os desplantes diarios á ONU e ás súas organizacións, ou como, nas negociacións políticas internacionais, o primordial e case único elemento para negociar son os beneficios económicos das grandes fortunas, sobre todo norteamericanas. Faise negocio coa guerra vendendo e consumindo armamento e faise negocio coa reconstrución do previamente arrasado. Arrequecer as grandes fortunas é o primordial obxectivo da política.

O mandato de Trump nos EUA, todo este ano 2025, reforzou o ascenso das dereitas ultraliberais extremas en todo o mundo, quedando a UE como unha anomalía das democracias liberais, que se vai deteriorando a un ritmo semellante ao crecemento das dereitas ultras no seo dos Estados membros, deterioración e crecemento que se impulsan abertamente desde a Casa Branca.

O ano 2026 será un tempo duro de loita entre o neoliberalismo ultra e a “cleptocracia” e o que vaia quedando das democracias liberais. O escenario destas batallas será, primordialmente, Europa. Os contendentes serán os partidos da extrema dereita e da dereita subalterna contra os demócratas progresistas, a socialdemocracia e as esquerdas; contra os dereitos humanos, a igualdade e o Estado do benestar.

Imos cara ao imperio da cobiza.