A Constitución de 1978 e o subseguinte réxime político fraguado o 23-F de 1981 están amortizados. O debate político, a agresiva confrontación partidaria e o balbordo enxordecedor nos medios e nas redes, por unha parte, e o profundo deterioro dos poderes e das institucións, por outra, son síntomas claros de que, en termos políticos, o réxime nado na chamada transición está en coma.

O consenso da transición é fillo do medo

Vivimos un período obxectivamente constituínte, por moito que non se queira recoñecer. Constituínte e inestable. Durará o que dure e pode concluír coa consolidación e maduración da democracia ou cunha nefasta involución política que, ao cabo, fracasaría, pero que custaría bágoas, suor e incluso sangue, no peor dos casos.

O consenso da transición é fillo do medo. Do medo dos vencedores da guerra civil a perder os seus privilexios coa chegada da democracia e do medo dos vencidos a non acadaren a democracia pacificamente. Por medo optouse por unha reforma política e desbotouse unha ruptura aberta co franquismo que asegurase o saneamento e a depuración democrática das institucións.

A Constitución, porén, abría posibilidades a un futuro proceso de maduración democrática e por iso foi recibida con alborozo por case todos e presentada oficialmente, co apoio de toda a rede mediática e pola maioría da intelectualidade, como modelo de transición pacífica, ata o punto de esquecer e mesmo negar a violencia que sufriu o país enteiro naqueles anos. Pero estas posibilidades de maduración frustráronse pola presenza activa en círculos do poder de elementos comprometidos co antigo réxime que fixeron posible a operación do 23-F. Desde entón consolidouse, a través do desenvolvemento normativo, o modelo bipartidista, imperfecto pero bipartidista, que embridaría a nacente democracia e evitaría a súa natural ampliación e afondamento.

Esta anorexia democrática, a corrupción do sistema mesmo e a degradación das institucións foi o que se denunciou o 15-M, que reclamaba cambios constitucionais profundos. Aquelas mobilizacións conseguiron avances importantes como a superación do bipartidismo e a irrupción de novas forzas no Parlamento, pero tamén provocaron resistencias, ás veces violentas e crispadas, que fixeron da Constitución e de institucións como a Coroa ou a Xudicatura armas e ferramentas das posicións máis reaccionarias.

O debate político e a confrontación están servidas pero, pase o que pasar, o réxime do 78, que en realidade é do 81, xa non é viable. Está en liquidación.