A moción de censura a Rajoy, a escalada ao cumio do PP de Pablo Casado, fillo político de Aznar, e a chegada dun goberno de coalición, en realidade de centroesquerda, trouxo un efecto colateral ben importante: moitos conservadores e liberais, de centro e inequivocamente demócratas, séntense orfos de representación política. A querenza de Casado polo radicalismo de dereitas e neoliberal (seguramente inspirado e aprendido na FAES) levou un PP erosionado por Rivera e Abascal a tentar recuperar a dereita extrema escindida e a branquexala, aínda competindo con ela na cancha electoral. Esta estratexia do inexperto dirixente popular escorou o partido excesivamente a estribor e conseguiu que moitos votantes do PP, á hora de escolleren extremos, preferiran o orixinal á copia e incluso dirixentes dos mellores, como Borja Sémper, simplemente desertan. O mesmo mal levou a Cs, a unha maior desfeita. É a famosa foto de Colón, que lles permitiu aos socialistas ocupar todo o centro político; resultoulles doado ao teren abandonada a socialdemocracia, de acabalo da besta chamada “terceira vía”.
Os demócratas de centro e centrodereita senten que aínda lles queda Feijóo
Nesta situación de orfandade da xente de centro e centrodereita, hai dúas excepcións notables. A primeira e máis consolidada é o País Vasco, onde contan co PNV, refractario a veleidades extremistas, de longa traxectoria democrática e antifascista e fincado en políticas económicas e sociais de carácter, digamos, “keynesiano”. Aí, os demócratas de centro e centrodereita teñen partido. A outra excepción, menos consolidada pero tanxible, pode ser Galicia, onde Núñez Feijóo, que non arriscou a súa zona de confort político para salvar o seu partido dos extremismos aznaristas, si logrou preservar o PPG da ondulante estratexia de Casado, co evidente resultado de que Cs e VOX non están en Galicia nin teñen trazas de que vaian estar. Demócratas de centro e centrodereita senten que aínda lles queda Feijóo. Aquí, non en España.
Os deuses quixeron que, tras a demolición do bipartidismo, rubricada co Goberno de coalición, as primeiras eleccións previstas no calendario sexan xusto as de País Vasco e Galicia. Aquí xa estamos en precampaña e bo sería non caer no inútil e atrabiliario estilo da campaña española. Deberiamos ser tamén feliz excepción no comportamento democrático e electoral, evitando revisionismos históricos fraudulentos, falsificacións de datos, agoiros apocalípticos e insultos e vituperios indignos e indignantes. Pero pinta difícil, a xulgar polo que xa se empeza a ouvir.