O que fora ministro de Exteriores con Zapatero e agora responsable da ONU para a Alianza de Civilizacións, Miguel Ángel Moratinos, escribiu un artigo con ocasión do Cumio sobre o cambio climático de Madrid. O artigo titúlase “Salvar el planeta: sí. Salvar la humanidad: también”. Defende Moratinos que, ademais de salvar o planeta, hai que pensar en “como imos arbitrar unha gobernanza mundial onde a diversidade e a diferenza poidan convivir de maneira pacífica e respectuosa”. Fai ben Moratinos en fixar o obxectivo da convivencia humana a carón do salvamento do planeta, porque moi ben podería suceder que o planeta e a vida que nel habita se salvasen, precisamente, coa extinción da especie humana, dado que é a nosa actividade a que está pondo en risco a viabilidade da vida na Terra. Outras especies desapareceron e desaparecen e a vida segue.

Faise imprescindible unha gobernanza mundial para salvar o planeta, a especie e a convivencia

Unha gobernanza mundial faise imprescindible para salvar o planeta e especie, porque son o modo de produción global e o modelo de consumo, ambos de carácter capitalista e neoliberal, os que van volvendo insostible a vida humana na Terra. O que non concreta Moratinos é que tipo de gobernanza se require, porque gobernanza global haina xa de facto e vai xusto na dirección contraria de salvar o planeta, a especie e a convivencia.

Ser conscientes do problema medioambiental, como parece que son as xeracións máis novas, é algo positivo e esperanzador. Mais non é suficiente porque á consciencia, que é o recoñecemento do problema, debe seguir a toma de conciencia, que é a comprensión ética, moral e política do conflito. Isto é o que axuda a detectar e impulsa a combater o actual modelo de produción social e de consumo, así como a xerar e impor alternativas globais de gobernanza e outros patróns produtivos e de consumo.

O modelo capitalista vixente, especialmente na súa versión neoliberal, non só xera as cíclicas crises económicas tan de seu, senón que tamén torna insostible a mesma existencia humana no planeta. Non hai máis saída ca un cambio radical económico, social e político, a poder ser non violento, pero que, en todo caso, sempre será menos violento ca as catástrofes que traería o modelo global vixente, de se manter.

O mesmo que Catón o Vello, no tempo das guerras púnicas, remataba sempre os seus discursos cun teimudo Delenda est Cartago, esta consigna de demolición deberiamos aplicarlla ao modelo capitalista pola salvación do planeta e da humanidade.

Gobernanza mundial: si. Outra e anticapitalista: tamén.