a desconfianza na Xustiza é cada día máis fonda
Posiblemente aquel “padrenuestro” nunca tivo tanto sentido como hoxe ten. A deterioración e o desprestixio social do terceiro poder en España creo que son tan evidentes como progresivos. Se sempre aniñou no sentir popular un certo receo fronte á Xustiza —tengas pleitos y los ganes—, aquí e hoxe, a desconfianza na institución é cada día máis ancha e máis fonda.
Non abonda o comportamento honesto, correcto e acertado de moitos dos seus funcionarios para atallar o mal nome e a negativa consideración da Xustiza no seu conxunto, que medra como os cogomelos na sociedade española.
A cousa comezou mal xa durante a transición á democracia. Non só non houbo a oportuna depuración, senón que a Xustiza pasou dun réxime a outro con armas e bagaxes. A mostra máis evidente foi, sen dúbida, a conversión dun atrabiliario tribunal especial como o TOP no tamén especial e extraordinario da Audiencia Nacional que, nun primeiro momento, tivo a ETA como xustificación, mais que fica malia a desaparición da organización terrorista.
Mais a deturpación da Xustiza non rematou aquí. O corporativismo irredutible, con verniz de casta e de clase, de xuíces e maxistrados; a conivencia ideolóxica e partidista de demasiados funcionarios, especialmente coas dereitas; a evidente implicación de causas e procesos xudiciais con estratexias partidistas, adoito reaccionarias, e a inclinación do terceiro poder a invadir espazos propios dos outros dous están convertendo, decotío, os administradores da xustiza en xuíz e parte.
A Xustiza muda así nun camiño real polo que penetran as forzas antidemocráticas no corazón da democracia, para deturpala, corrompela e destruíla.
Boa razón tiña a miña avoa en pregarlle a Deus que nos libre da Xustiza.